[04-05-2011] A senda verde enlaza Bertamiráns co Milladoiro, e O Milladoiro con Bertamiráns, a través de vellos camiños e novas pistas forestais que, nun traxecto de 12 quilómetros, percorren novas zonas cun interesante valor patrimonial e paisaxístico. O seu trazado permite incorporarse á ruta ou abandonala en varios puntos ao longo do itinerario, grazas a extensa rede de camiños e pistas existentes no rural amesán. A ruta ofrécenos fermosas vistas do Val da Maía, paraxes de singular beleza, lugares de interese histórico local, núcleos de poboación tradicionais, e elementos de carácter etnográfico e relixioso. Este proxecto foi sufragado con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade. Os traballos de acondicionamento dos camiños polos que discorre a senda e a colocación da correspondente sinalización tiveron un custo de 57.434,88 euros. A senda verde estréase este domingo 8 de maio, cunha andaina popular á que están invitados todos os veciños/as de Ames. Para inscribirse nesta actividade, tan só hai que chamar ao teléfono 981 884 991 ou enviar un correo electrónico, indicando nome e apelidos, idade, teléfono e enderezo, antes das 14:00 horas do venres 6 de maio.
O Concello de Ames vén de rematar o acondicionamento dunha senda verde que una as dúas principais localidades de Ames, Bertamiráns e O Milladoiro. Deste xeito, ofrécese un camiño alternativo e máis humanizado para todos os amienses onde poder gozar do contacto coa natureza. Este proxecto foi sufragado a través do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade. Trátase duna senda destinada só a peóns e bicicletas que discorre por zonas que combinan espazos verdes de interese ambiental e núcleos rurais.
A senda permite observar e comprender a sucesión de diferentes ecosistemas (urbano, rural, forestal e fluvial) nun percorrido de 12.000 metros. Os puntos de partida e chegada desta senda son O Milladoiro e Bertamiráns, dous grandes núcleos de poboación, caracterizados pola rápida expansión urbanística que experimentaron nos últimos anos. Estas localidades presentan un ecosistema claramente urbano no que predomina unha fauna e flora que vai moito máis alá do que podemos percibir nunha zona verde ou parque. Andoriñas, pardais, estorniños, pombas… son aves que conviven sen problemas co ritmo e xeito de vida urbano.
Unha vez deixamos atrás os núcleos do Milladoiro ou de Bertamiráns, observamos ao longo de toda a ruta unha natureza ligada fundamentalmente a tres medios diferentes. Por unha parte, temos unha sucesión de pequenos espazos de paisaxe silvopastorais tradicionais, e prados asociados ao entorno dos núcleos rurais. Por outra banda existen espazos de alto valor natural, fundamentalmente cando nos achegamos ao entorno do río Sar, e por último hai espazos forestais que amosan o estado de abandono do noso monte, e o resultado dun proceso de fragmentación continua da terra e do monocultivo de especies como os eucaliptos e pinos.
Variedade de ecosistemas e hábitats
Durante o percorrido poderanse observar diferentes ecosistemas e hábitats que albergan unha ampla variedade de vida. En Bertamiráns e no Milladoiro predominan os ecosistemas urbanos, que presentan os elementos climáticos, físicos, lumínicos, paisaxísticos e sociais que lle son propios. A fauna e a flora asociada a este espazo é moi ampla. Algunhas das especies que se atopan na cidade son o estorniño, as andoriñas ou os esquíos, que se introducen na zona urbana na procura de alimentos.
Unha vez nos somerxemos na ruta, nas beiras dos camiños, podemos atopar diferentes especies de plantas vivaces, como é o caso das especies Digitalis purpurea ou a Gardus carpetans. Tamén se poden ver toxeiras, xesteiras ou grandes prados. Os prados sitúanse nas proximidades das valgadas, fundamentalmente pola existencia de humidade e de terra pesada capaz de sustentar un ecosistema ao que se lle esixe dúas cortas ao ano. Na ruta atopamos diferentes tipos de prados, uns dedicados a pasto e outros a herba. Por último, cómpre salientar que se poden ver diversas carballeiras. Ao longo desta ruta atópanse carballos, máis ou menos espallados, en moitos puntos da ruta, pero case é obrigado facer unha parada para admirar este tipo de bosque na Carballeira das Cortes.
A ruta atravesa as parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído, pasando polos núcleos rurais de Eirapedriña, Firmistáns, Tarrío, Buceleiras, Barreiro, Framil, Fraiz e Ventín. Cómpre destacar que a zona sur por onde transcorre esta vía está formada polas parroquias de Biduído, Bugallido e Ortoño, a área con maior densidade de poboación do concello de Ames, e que polo tanto sufriu unha maior presión humanizadora.
As condicións topográficas do percorrido posibilitan a práctica do sendeirismo e do ciclismo para persoas de diferentes idades, ao mesmo tempo, que se pode gozar do patrimonio do rural (igrexas, lavadoiros, cruceiros…) e dos diferentes ecosistemas ambientais. Un exemplo do rico patrimonio relixioso que atesoura o concello de Ames, ao que esta senda nos achega, é a igrexa de San Pedro de Bugallido, mentres que a zona ambiental máis rica pódese dicir que é a sur, posto que alí pódense atopar As Brañas, a Carballeira das Cortes a zona da Rede Natura.
Obras de acondicionamento e sinalización
Neste proxecto investíronse 57.434,88 euros, con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade, para reparar aquelas pistas que tiñan algunha fochanca e para colocar a correspondente sinalización do itinerario que segue a ruta. Durante a colocación dos paneis de sinalización producíronse varios actos vandálicos que provocaron estragos en moitos dos paneis colocados. Iso provocou un considerable atraso na posta a punto desta ruta, xa que a dirección de obra tivo que estudar a colocación doutos paneis feitos cun tipo de material máis resistente. Todos estes actos foron denunciados á Policía local que abriu unha investigación co fin de determinar os autores destes estragos.
Durante esta semana estanse substituíndo os vellos paneis de PVC, que están estragados, por outros máis resistentes feitos con aluminio. Estes paneis foron colocados cada 250 metros e nos cambios de dirección, para sinalizar a ruta que segue a senda verde. Unha vez finalizado este traballo o Concello acaba de recepcionar esta obra, que xa poderá ser empregada por todos os veciños e veciñas de Ames. Para a estrea da senda verde programouse unha andaina popular para este domingo.
Esta actividade desenvolverase o día 8 de maio a partir das 10:00 horas. Deste xeito, a veciñanza amiense poderá coñecer de primeira man a senda verde. Todos aqueles veciños maiores de 12 anos que desexen pasar unha xornada gozando do medio natural de Ames, pódense inscribir nesta actividade chamando ao teléfono 981 884 991 ou enviando un correo electrónico, indicando nome e apelidos, idade, teléfono e enderezo antes das 14:00 horas do venres 6 de maio.




