[19-12-2013] Por quinto ano consecutivo o baloncesto servirá para ter un Nadal máis solidario en Ames. O pavillón polideportivo de Bertamiráns acollerá este domingo, 22 de decembro, ás 19:30 horas, o V partido benéfico de baloncesto Concello de Ames. O XL Milladoiro medirase contra un equipo de famosos de Galicia entre os que se atoparán varios ex-xogadores de baloncesto como Tonecho Lorenzo, Julio Jiménez, Lolo Castro, Julio Fernández, Calvelo, Coque Rama, Augusto de la Concepción, Julio Teixeira, e o humorista Víctor Fábregas. O XL Milladoiro estará adestrado por Alberto Corbacho, mentres que o equipo de famosos estará dirixido por Oriol Junyent, ambos os dous son xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro. Os fondos recadados serán para as familias amienses que carecen de recursos económicos.
Un ano máis o XL Milladoiro e o Concello de Ames únense por unha boa causa. Este domingo 22 de decembro, ás 19:30 horas, disputarase no pavillón polideportivo de Bertamiráns o V partido benéfico de baloncesto Concello de Ames. A entrada para asistir a este evento será gratuíta, pero todas as persoas que o desexen poderán dar un donativo de forma voluntaria. Os fondos recadados estarán destinados ás familias amienses que carecen de recursos económicos.
Neste partido o XL Milladoiro enfrontarase a un equipo de famosos que estará repleto de ex-xogadores de baloncesto como Tonecho Lorenzo, Julio Jiménez, Lolo Castro, Julio Fernández, Coque Rama, Augusto de la Concepción, Calvelo e Julio Teixeira (algúns deles son ex-xogadores do Club Amigos Baloncesto Obradoiro). Tamén está confirmada a asistencia do humorista Víctor Fábregas. O partido será arbitrado polo ex-árbitro internacional, Vicente Sanchís, e polo presidente do Club de baloncesto XL Milladoiro, Santiago Pampín.
Este ano o Club Amigos Baloncesto Obradoiro volverá a colaborar nesta iniciativa. Deste xeito, o XL Milladoiro estará adestrado por Alberto Corbacho, mentres que o equipo de famosos estará dirixido por Oriol Junyent, ambos os dous son xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro. Ademais, está previsto que a maior parte dos xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro asistan a este partido de baloncesto para apoiar este acto solidario.
I Gala de Nadal do Club de Patinaxe Artística Omega
Por outra banda, o Club Patinaxe Artística Omega organizou en colaboración co Concello de Ames, para este sábado 21 de decembro, a partir das 19:00 horas, a I Gala de Nadal de Patinaxe Artística. Este evento, que se desenvolverá no pavillón polideportivo do Milladoiro, servirá para mostrar en público todo o aprendido polos/as patinadores/as deste club durante este ano.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Este domingo disputarase o V partido benéfico de baloncesto Concello de Ames"




