[09-07-2011] O 10 de xullo celébrase en Ortoño a sétima edición da Festa do Chourizo ao Viño e a quinta edición da degustación da empanada de zorza. Esta celebración consolídase, ano tras ano, como referente gastronómico da comarca. A Asociación Gastronómica Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño organiza un ano máis esta festividade onde o padal degusta un bocado propio de deuses. O Concello de Ames colabora coa agrupación organizadora para facer deste acontecemento un día de ledicia gastronómica e divertimento para todos os públicos.
A festividade dará comezo ás 12:15 horas da mañá coa celebración dunha misa cantada pola Coral Polifónica de Bugallido en honra aos defuntos da parroquia. A partir das 13:00 horas, procederase a degustación de chourizos ao viño con cachelos e empanada de zorza, todo isto adornado con viño do Ribeiro. Aquelas persoas que participen no xantar contarán con xeado e café de balde.
Porén, non todo é comida. A degustación estará amenizada pola banda de gaitas Veiga do Cotón e, de seguido, o Dúo Ouro ofrecerá un repertorio de cancións que pretenden "obrigar" os e as asistentes a mover o esqueleto.
Este domingo haberá divertimento para todos os grupos de idade. Os máis novos poderán gozar de inchables e touro mecánico gratuíto mentres que os maiores poderán xogar, a partir das 18:00 horas, á chave no VI Campionato de chave por parellas. A inscrición deberá realizarse antes das 17:00 horas do mesmo día e os primeiros clasificados terán a súa disposición uns trofeos cedidos polo Concello de Ames.
Para rematar, o disco non deixará de dar voltas e as luces do espectáculo serán as protagonistas da última parte do día. O entretemento e a danza poñeranlle o ramo a esta festa e a música disco será a encargada do último compás da velada.
700 racións de chourizo con cachelos no 2010
Unha festividade que se consolida nesta sétima edición como un referente gastronómico onde a veciñanza se reúne para degustar un auténtico manxar. A pasada celebración rexistrou a participación de centos de persoas que consumiron arredor de 700 racións de chourizo ao viño con cachelos. Sete anos celebrando esta cita gastronómica que, desde os seus inicios, tivo unha grande acollida por parte da sociedade amiense. O nivel de asistencia, este ano, estímase que sexa superior ao da pasada edición.
Ademais, por quinto ano consecutivo, celébrase, no marco da VII Festa do Chourizo ao Viño, o Campionato de Chave por Parellas. O ano pasado consagrouse como vencedora do torneo a parella denominada Bar Martínez de Ortoño e, en segundo lugar, clasificouse a parella coñecida como Bar Catoira de Biduído.
Unha xornada para gozar de alimentos autóctonos e tradicionais como a empanada e o chourizo ao viño e unha xornada de xogos para a veciñanza de Ames. Unha boa escusa para festexar e pasar un anaco agradable con familiares, amizades e veciñanza.