[11-10-2011] O Concello de Ames celebra o domingo 16 de outubro unha nova edición do Día da Bici. Nesta xornada, organizada pola Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, en colaboración co Club Ciclista Ames, realizarase unha ruta pola contorna do Milladoiro. Para participar neste evento deportivo cómpre inscribirse ben chamando ao teléfono da Concellaría de Deportes, o 981 884 991, ou ben a través do correo electrónico deportes@concellodeames.org. As inscricións poderán realizarse en horario de 9:00 h a 14:00 h ata o día 14 de outubro.
O VII Día da Bici celebrarase na área deportiva do Milladoiro e a actividade comezará ás 11:00 h da mañá. Será unha travesía de 7 km para persoas maiores de 7 anos que se desenvolverá por toda a contorna do Milladoiro. Os ciclistas vivirán unha viaxe domincal sobre rodas percorrendo a Travesía do Porto, as rúas da Costa Grande, de Pardiñeiros, de Anxeriz, da Curuxa e do Agro da Madalena a Travesía da Madalena e tamén as aldeas de Ventín, Paramuíño, Biduído, As Mimosas e Agrela ata volver ao pavillón deportivo.
Os máis pequenos tamén disporán do seu particular paseo de domingo. Os cativos gozarán da experiencia ciclista nunha ruta de 1 km no que atravesarán o polígono industrial do Milladoiro.
Ante o alto nivel de contaminación que se vive nas cidades provocado en boa medida polos medios de transporte, a bicicleta sempre parece a mellor opción. Por iso, o Concello de Ames, comprometido coa defensa da natureza e do ambiente, quere facer fincapé nos beneficios deste medio de transporte que ademais de ser limpo favorece a saúde dos seus usuarios e usuarias.