Pestanas principais

Este domingo celébrase o acto de clausura do obradoiro de baile e música tradicional

Xoves, 13 de xuño de 2013

[13-06-2013] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este domingo, ás 18:00 horas, a clausura do obradoiro de baile e música tradicional. Neste evento participan os grupos de baile e música dos Castros e do Concello de Ames. Este obradoiro estivo xestionado pola Asociación Cultural Os Castros. Os participantes asistiron a clases de baile, gaita, pandeireta, percusión e punteiro. As clases impartíronse dende o pasado mes de outubro nos centros socioculturais de Bugallido, Biduído, Trasmonte e na Casa Cultura de Bertamiráns.

O Concello de Ames e a Asociación Cultural Os Castros, en colaboración coa Deputación da Coruña e a Papelería Chavián, organizan para este domingo, 16 de xuño, o Festival de fin de curso do obradoiro de baile e música tradicional 2012-2013. Este acto estará divido en dúas partes. Na primeira actuarán a escola de gaitas dos Castros e do Concello, que tocará a muiñeira do Molete e a muiñeira de Lugo. A continuación intervirán o grupo de baile dos Castros e do Concello que bailarán a xota de Santiago, a muiñeira da Fonte, a muiñeira Ribeirana, a muiñeira Pisadoira e a muiñeira de Lañas.

Na segunda parte tocará a escola de gaitas dos Castros, que interpretará o Primeiro Pasodobre e o Pasacorredoiras de Cacheiras. Despois volverán bailar os membros do grupo dos Castros e do Concello, que bailarán a xota de Vila de Cruces, a muiñeira de Peregrina, a muiñeira de Pradela e a xota de Boado. O acto de clausura finaliza coa Banda de gaitas dos Castros, que tocará a rumba de Carcacía e o pasodobre Pasacorredoiril para que o público saía a bailar. Rematarán co himno de Galicia.

Impartición das clases

No próximo curso, o obradoiro de baile e música tradicional seguirase impartindo mantendo os mesmos horarios e lugares. Deste xeito, os sábado no centro sociocultural de Bugallido impártense as clases de baile, gaita, punteiro, pandeireta e percusión. Ademais, en Bugallido tamén se imparten clases de gaita e percusión os xoves.

Por outra banda, os domingos impártense as clases de punteiro, gaita, pandeireta e percusión no centro sociocultural de Trasmonte. Os luns, na Casa da Cultura de Bertamiráns, impártense clases de gaita e percusión, e os venres, no centro sociocultural de Biduído, ofrécense clases de pandeireta, percusión, gaita e punteiro.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Este domingo celébrase o acto de clausura do obradoiro de baile e música tradicional"