Pestanas principais

Este domingo, 6 de outubro, comeza unha nova edición do programa de bailes para os maiores de Ames

Venres, 04 de outubro de 2013

[04-10-2013] O primeiro domingo de outubro ponse en marcha unha nova edición do programa municipal de baile para os maiores. As sesións desenvolveranse todos os domingos, a partir das 19:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta iniciativa está organizada pola Cafetería da Casa da Cultura de Bertamiráns e conta coa colaboración do Concello de Ames. A música en directo e a posibilidade de pasar unha tarde entretida son os principais reclamos desta actividade na que ademais os participantes coñecen a outras persoas nun ambiente festivo e distendido.

Este domingo 6 de outubro, a partir das 19:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a primeira sesión de baile para os maiores da nova temporada. Os veciños e veciñas de Ames que acudan a esta cita poderán divertirse e bailar ao ritmo da música que tocará o Grupo D´Cine.

Esta actividade organízase co obxectivo de que sexa un espazo de encontro e de lecer no que os veciños e veciñas maiores, e os non tan maiores, ademais de bailar, se relacionen cos amigos e coñecidos e establezan amizades novas.

A música en directo e a posibilidade de pasar unha tarde entretida son os principais reclamos desta actividade na que ademais os participantes coñecen a outras persoas nun ambiente festivo e distendido.

Compre salientar que os participantes nos bailes son os principais protagonistas desta actividade e deben traer da casa moita enerxía e gañas de pasalo ben para que esta sesión de baile se converta nun éxito persoal e colectivo.