[04-06-2016] Este domingo, 5 de xuño, ás 19:00 horas, dispútase a final do XXXV Trofeo de fútbol Concello de Ames 2016. A final xogarase no campo municipal de Bertamiráns entre o Biduído SR e mailo Bertamiráns FC. Con este partido ponse fin ás competicións oficiais da temporada 2015-2016. O Bertamiráns FC accedeu á gran final despois de gañarlle na semifinal ao Bugallido CF, mentres que o Biduído SR gañoulle na outra semifinal ao CF Agrón. Neste torneo participan cinco equipos amesáns.
Como cada ano, antes de finalizar a tempada, o Concello de Ames, en colaboración cos clubs de fútbol federados do concello, organizaron o Trofeo de Fútbol Concello de Ames. Este campionato xa está consolidado no municipio amesán posto que xa se levan disputadas trinta e cinco edicións. Este domingo remata o torneo coa gran final que enfronta ao Biduído SR contra o Bertamiráns FC.
Neste torneo participan todos os equipos federados de Ames. En total son cinco os equipos que participan este ano nesta competición (Ortoño CF, CF Agrón, Biduído SR, Bertamiráns FC e Bugallido CF). O domingo 22 de maio disputouse unha fase previa na que se enfrontaron o Ortoño CF contra o Bugallido, gañando este último polo resultado de 5-0. Deste xeito, o Bugallido accedeu ás semifinais onde se enfrontou ao Bertamiráns FC. Este partido rematou co resultado de 4-0 a favor do Bertamiráns FC. A outra semifinal xogárona o CF Agrón e mailo Biduído SR, gañando este último por 3-2.
A final disputarase este domingo 5 de xuño, ás 19:00 horas, no campo municipal de fútbol de Bertamiráns. Para este torneo os equipos poden contar cos xogadores que xa tiñan fichados para as súas respectivas ligas. Cada club puido inscribir para este trofeo un máximo de 25 xogadores e tivo que presentar, xunto coa solicitude de inscrición, a copia de todas as fichas que inscribiu.
Os ingresos dos partidos da semifinal e final (entradas, rifas, etc.), repártense a partes iguais entre os clubs que disputan esta fase do torneo. Na final, a cada equipo dánselle 25 entradas e os prezos para todo o torneo quedan estipulados da seguinte forma: 3 euros para todos. Así mesmo os clubs comprométense a darlle 25 entradas ao Concello para a final.




