Pestanas principais

Este domingo, 5 de xaneiro, os Reis Magos visitarán O Milladoiro e Bertamiráns para entregarlle os seus regalos aos nenos e nenas de Ames

Xoves, 02 de xaneiro de 2014

[02-01-2014] Os nenos e nenas amienses xa agardan con gran ilusión a noite máis emocionante do ano para eles, na que recibirán os agasallos dos Reis Magos. Pero antes de pasar polos fogares de cada rapaz/a, as súas Maxestades de Oriente percorrerán como cada ano as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns. Os Reis Magos estarán no Milladoiro ás 17:00 para iniciar o seu percorrido polas rúas e facer a súa recepción ás 17:30 no pavillón do Milladoiro. O percorrido por Bertamiráns comezará ás 18:00 e rematará ás 18:30 coa recepción no pavillón de Bertamiráns. Media hora antes de cada recepción abriranse os pavillóns e haberá animación infantil, con música e xogos. Haberá cortes de tráfico por motivo da cabalgata. Ademais, as súas Maxestades entregarán os premios do VII Concurso de cartas aos Reis Magos.

As cinco da tarde comezará a animación no pavillón polideportivo do Milladoiro. A esta mesma hora sairá a comitiva das súas Maxestades que percorrerá as rúas desta localidade. Esta comitiva sairá da Escola Infantil do Milladoiro e continuará pola Travesía do Porto, Rúa dos Cereixos, Agro da Madalena, Agro do Medio, Rúa de Abaixo, Raxoeira, Rosalía de Castro, Rúa Figueiras, Rúa do Rego, Costa Grande, Rúa Figueiras, Rosalía de Castro, Rúa da Madalena e Travesía do Porto ata chegar ao pavillón onde se fará a recepción real. Ademais, os Reis tamén lle entregarán os premios aos nenos e nenas que gañaron o Concurso de cartas aos Reis Magos.

Despois de pasar polo Milladoiro as súas Maxestades dirixiranse a Bertamiráns. O lugar de recepción será o pavillón polideportivo desta localidade onde comezará a animación a partir das 18:00 horas. Neste caso, a comitiva dos Reis Magos arrincará ás 18:00 horas do Agro do Muíño e pasará pola rúa Alcalde Lorenzo, Avenida da Maía, Travesía do Pedregal, rúa Poeta da Maía, Avenida da Maía e Avenida da Peregrina ata chegar ao pavillón. Ao igual que no Milladoiro, as súas Maxestades entregaranlle os premios aos gañadores e gañadoras do VI Concurso de cartas aos Reis Magos.