Pestanas principais

Este domingo, 29 de maio, dispútanse as semifinais do XXXV Trofeo de fútbol Concello de Ames

Sábado, 28 de maio de 2016

[28-05-2016] Este domingo, 29 de maio, pola tarde dispútanse as semifinais do XXXV Trofeo de fútbol Concello de Ames 2016 no campo municipal de Bertamiráns. Ás 17:00 horas disputarase a primeira semifinal entre o CF Agrón e mailo Biduído SR. A continuación, ás 19:00 horas, xogarase a segunda semifinal entre o Bertamiráns FC e o Bugallido CF. Os dous equipo gañadores disputarán a final o vindeiro domingo 5 de xuño.

Como cada ano, antes de finalizar a tempada, o Concello de Ames, en colaboración cos clubs de fútbol federados do concello, organizaron o Trofeo de Fútbol Concello de Ames. Este campionato xa está consolidado no municipio amesá posto que xa se levan disputadas trinta e cinco edicións. Neste torneo participan todos os equipos federados de Ames.

En total son cinco os equipos que participan este ano nesta competición (Ortoño CF, CF Agrón, Biduído SR, Bertamiráns FC e Bugallido CF). O pasado domingo 22 de maio disputouse unha fase previa na que se enfrontaron o Ortoño CF contra o Bugallido, gañando este último polo resultado de 5-0. Deste xeito, o Bugallido accedeu ás semifinais onde se enfrontará ao Bertamiráns FC. A outra semifinal xogarana o CF Agrón e mailo Biduído SR.

A final disputarase o domingo 5 de xuño, ás 19:00 horas, no campo municipal de fútbol de Bertamiráns. Para este torneo os equipos poden contar cos xogadores que xa tiñan fichados para as súas respectivas ligas. Cada club puido inscribir para este trofeo un máximo de 25 xogadores e tivo que presentar, xunto coa solicitude de inscrición, a copia de todas as fichas que inscribiu.

Os ingresos dos partidos da semifinal e final (entradas, rifas, etc.), repártense a partes iguais entre os clubs que disputan esta fase do torneo. Na final, a cada equipo dánselle 25 entradas e os prezos para todo o torneo quedan estipulados da seguinte forma: 3 euros para todos. Así mesmo os clubs comprométense a darlle 25 entradas ao Concello para a final.