[18-07-2012] O día 22 de xullo arrancan as festas da Madalena no Milladoiro. As actividades programadas desenvolveranse durante as últimas dúas fins de semana de xullo e a primeira fin de semana de agosto nas que os veciños e veciñas honrarán a súa patroa, a Virxe da Madalena. A programación de festexos inclúe para este domingo e o próximo venres actos relixiosos, competicións deportivas e música. Os actos centrais das festas da Madalena celebraranse a fin de semana do 3, 4 e 5 de agosto.
O comezo das festas terá lugar o domingo 22 de xullo, ás 10:00 horas, cunha misa que se celebrará na capela da Madalena. A partir das 12:00 horas, os membros da requinta A.C. Follas Novas de Ames realizarán un pasarrúas polo Milladoiro para anunciar o comezo dos festexos. Xa pola tarde, disputarase un partido de fútbol no campo municipal de fútbol do Milladoiro entre a Peña Celtista do Milladoiro e a Peña Madridista de Ames. Posteriormente, ás 21:00 horas, volven os actos relixiosos cunha misa solemne na honra á patroa. Trala misa, ás 21:30 horas, terá lugar a xuntanza de cofrades na praza da Madalena.
A última fin de semana de xullo estará dedicada á musica e ao divertimento. O venres 27 de xullo, a partir das 22:30 horas, na praza da Costa Grande haberá unha sesión de de música disco a cargo de DJ Javi Totó e Tigre. Esta sesión musical está organizada pola Asociación Cultural A Madalena e a Cervexería Curmáns, que está situada na propia praza da Costa Grande.
Os actos centrais das festa da Madalena celebraranse a fin de semana do 3, 4 e 5 de agosto. O venres, 3 de agosto, ás 12:00 horas, comezarán os festexos co disparo das bombas regulamentarias. Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas, abrirán as atraccións de feira para os nenos e nenas. Estas atraccións estarán situadas na Travesía do Porto. Posteriormente, ás 20:30 h, comezarán as actuacións na praza Entreagros (Agro do Medio e Agro da Madalena) con o Gran Pedrini e o Mago da Boina. Pola noite, a partir das 23:00 horas, actuará o grupo JJYSON na praza de Manuel Murguía.
O sábado 4 de xullo, a partir das 18:00 horas, haberá atraccións de feira na praza da Costa Grande. Ás 20:30 horas, terá lugar unha actuación do gran malabarista Yuma, que está dirixida ao público infantil. O sábado a verbena comezará ás 22:30 h coa actuación dunha gran orquestra, que aínda está por determinar, pero o prato forte da noite comezará á media noite coa actuación da orquestra Panorama.
O último día das festas da Madalena no Milladoiro será o domingo 5 de agosto. O disparo das 21 bombas de palenque regulamentarias dará inicio aos actos festivos desta xornada. A partir das 12:30 horas, sairá o Rosario do seu lugar de orixe. Media hora máis tarde, ás 13:00 h, celebrarase unha misa solemne. Tralos actos relixiosos, ás 13:45 h, a banda de música da Sociedade Recreativa de Calo ofrecerá unha actuación musical para deleitar aos amantes deste tipo de música.
Ás 14:15 horas, comezará a sesión vermú coa actuación do grupo Samba. Xa pola tarde, haberá atraccións de feira para os máis cativos dende as 18:00 horas. Pouco despois, ás 20:30 h, os nenos e nenas poderán seguir gozando, nesta ocasión coa actuación do Show dos Paiasos. Pola noite, ás 22:00 h, haberá verbena a cargo do grupo Samba. Para rematar a festa, a partir das 23:30 horas, os veciños e veciñas do Milladoiro gozarán do humor do grupo Maldados.com