Pestanas principais

Este domingo, 13 de xullo, celébrase a X Festa do chourizo ao viño e a III Degustación da orella de porco cocida

Venres, 11 de xullo de 2014

[11-07-2014] O campo da festa de Ortoño acolle este domingo, 13 de xullo, a décima edición da Festa do chourizo ao viño e a terceira edición da Degustación da orella de porco cocida. Esta celebración foise consolidando co paso do tempo e este ano xa se celebra a décima edición desta festa. A asociación gastronómica, recreativa e cultural do chourizo ao viño organiza un ano máis esta festividade onde a veciñanza poderá adquirir por 8 euros unha tarteira de barro con chourizo, pan, cachelos, xeado e café. A ración de orella de porco cocida terá un prezo de 4 euros. O Concello de Ames colabora coa agrupación organizadora para facer deste acontecemento un día de ledicia gastronómica e divertimento para todos os públicos. Haberá carpa e inchables gratis para os nenos e nenas.

A festa dará comezo ás 12:15 horas da mañá coa celebración dunha misa solemne. A partir das 13:00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño con cachelos e da orella de porco cocida, todo isto regado con viño do Ribeiro. De sobremesa haberá xeado e café.

A veciñanza amiense e todas aquelas persoas que se acheguen a esta festa poderán adquirir por 8 euros unha tarteira de barro con chourizo, pan, cachelos, xeado e café. A ración de orella de porco cocida terá un prezo de 4 euros. A degustación estará amenizada polo grupo de pandereteiras As Maianas, polo grupo de música tradicional Os Castros e pola charanga Os Atrevidos.

Este domingo haberá divertimento para todos os grupos de idade. Os máis novos poderán gozar xogando nos inchables, que serán gratis, mentres que os maiores poderán xogar, a partir das 18:00 horas, á chave no campionato de chave por parellas. A inscrición deberá realizarse ata as 17:30 horas do mesmo día. As tres primeiras parellas gañarán un trofeo que está doado polo Concello de Ames.

Ademais, a asociación gastronómica, recreativa e cultural do chourizo ao viño instalará unha pantalla xigante para ver, a partir das 21:00 horas, a final do mundial de fútbol que disputarán as seleccións de Alemaña e Arxentina.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "X Festa do chourizo ao viño e III Degustación da orella de porco cocida este domingo en Ortoño"
La Voz de Galicia: "Cientos de personas en el Chourizo ao Viño de Ortoño"
La Voz de Galicia: "Festa do Chourizo en Ames"