Pestanas principais

Este domingo, ás 12:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, o alcalde fará balance do programa O Milladoiro, o que está por ver

Sábado, 26 de marzo de 2011

[26-03-2011] Este domingo o alcalde de Ames, Carlos Fernández, fará balance dos traballos e proxectos urbanísticos que se desenvolveron no Milladoiro entre os anos 2007 e 2011 e que están incluídos no programa O Milladoiro, o que está por ver. Este acto terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 12:00 horas. Deste xeito darase conta, ante todos os veciños e veciñas desta localidade, dos proxectos urbanísticos desenvolvidos nesta localidade durante os últimos catro anos. Así mesmo, quedará inaugurada unha nova mostra sobre os proxectos urbanísticos desenvolvidos no Milladoiro nos últimos catro anos. Este exposición poderase visitar na entrada da Casa da Cultura do Milladoiro dende o 27 de marzo ata o 3 de abril.

Transcorridos catro anos dende que se presentou o documento O Milladoiro: o que está por ver, no que se expuxo a planificación urbanística prevista de cara ó futuro nesta localidade, agora o alcalde de Ames, Carlos Fernández, considera que chegou o momento de facer balance dun proxecto imaxinado e posto xa a camiñar. Un proxecto que xurdiu nun momento de efervescencia e puxanza, e que topou na súa andadura cos impedimentos derivados da crise e da burbulla inmobiliaria, un freo para as inversións e o desenvolvemento dos concellos.

Sen embargo, estas dificultades non foron quen de deter un proxecto ilusiónante; quizais retardaron algunhas actuacións, algúns crecementos, pero non chegaron a interromper o camiño emprendido. Facer balance é mirar atrás e dar conta do feito nestes catro anos: mirar ó plano do Milladoiro e ver que había, que se ten feito, e o que aínda se pode facer.

Neste tempo transcorrido incrementouse o número de veciños e veciñas, de algo máis de nove mil oitocentos, pasamos a once mil trescentos. Máis veciños, pero menos densidade, máis espazo libre, máis taxa de dotacións. A planificación establecida vaise cumprindo e redunda nunha mellora das condicións medio ambientais e urbanísticas.

Densidade de edificación

No período transcorrido dende o ano 2007 ata este 2011 incrementouse o parque de vivendas: das 5.495 vivendas existentes pasouse ás 6.815 vivendas actuais, é dicir, que se incorporaron 1.320 vivendas. E este aumento da construción residencial fíxose de tal xeito que redundou nunha mellora do indicador da calidade ambiental: a densidade de edificación.

O Milladoiro caracterizábase pola súa alta densidade de edificación (número de vivenda por habitante), parámetro que resulta da relación entre o número de vivendas e a superficie de terreo urbanizado, de tal xeito que no ano 2007 esta taxa era de 209 vivendas por habitante, e hoxe, tras catro anos de desenvolvemento no que se fixeron máis vivendas e máis xente vive no núcleo, a densidade cífrase en 155 vivendas por habitante, un valor máis axeitado, que aínda debe de ser mellorado.

Este descenso da densidade de edificación incide directamente na superficie destinada a espazos baleiros e zonas verdes. No estudio feito no ano 2007 detectábase unha relación de superficie baleira por habitante moi afatada da referencia fixada pola lexislación urbanística, 5 metros cadrados de zona verde por habitante. Naquel momento obtívose unha relación de 1,75 m2 de zona verde por habitante, que se transformaron nestes catro anos en 4,23 metros cadrados de zona verde por habitante, valor xa moi próximo as esixencias normativas.

Superficies para equipamentos

Analogamente, as superficies dotacionais e de equipamentos incrementáronse, duplicando os valores neste tempo de balance. Si se consideran a relación entre superficie de equipamento por habitante, pasouse de 1,13 m2 dotación/habitante a 2,82 m2 dotación/habitante, valor que duplica os datos de partida, aínda que non se poidan considerar satisfactorios.

Pero as actuacións non só se contan a través de números; actuacións de mellora ambiental toman corpo nas diversas rúas e espazos baleiros: a peonalización da rúa Travesa, a reurbanización da rúa Anxeriz, ou a da rúa de Abaixo, mostran o esforzo desenvolvido neste tempo.

Facendo balance 2007-2011, mostra datos positivos, un gráfico que segue unha liña ascendente, pero que non se pode parar, senón que marca unha inflexión, unha pauta, nun camiño de progreso que aínda fai pensar que o mellor de O Milladoiro está por ver.