[09-06-2018] Este domingo, 10 de xuño, pola tarde dispútanse as semifinais e a final do XXXVII Trofeo de fútbol Concello de Ames 2018 no campo municipal de Bertamiráns. Este ano decidiuse, por segundo ano consecutivo, xuntar todo o torneo nun mesmo día. Ás 17.00 horas disputarase a primeira semifinal entre o Agrón CF e mailo Biduído SR. A continuación, ás 18.15 horas, xogarase a segunda semifinal entre o Milladoiro SD e o Bertamiráns FC. Os dous equipos gañadores disputarán a gran final ás 19.30. A entrada é gratuíta.
Como cada ano, antes de finalizar a tempada, o Concello de Ames, en colaboración cos clubs de fútbol federados do concello, organizaron o Trofeo de Fútbol Concello de Ames. Este campionato xa está consolidado no municipio amesá posto que xa se organizaron trinta e sete edicións. Neste torneo participan todos os equipos federados de Ames que teñen equipo sénior.
Este ano son catro os equipos que participan nesta competición (CF Agrón, Biduído SR, Bertamiráns FC e mailo Milladoiro SD). Durante este temporada o Bertamiráns FC competiu na primeira autonómica, o CF Agrón en segunda, e o Biduído SR e o Milladoiro SD en terceira. Cómpre destacar que o Milladoiro SD ascendeu polo que a próxima temporada xogará en segunda autonómica. Dito torneo disputarase no campo de fútbol municipal de Bertamiráns.
Nesta edición do Trofeo de fútbol optouse por xuntar toda a competición nun mesmo día. Deste xeito, en cada partido xogaranse dúas partes de 25 minutos. En caso de empate, decidirase o gañador mediante unha quenda de penaltis. Ás 17.00 horas disputarase a primeira semifinal entre o Agrón CF e mailo Biduído SR. A continuación, ás 18.15 horas, xogarase a segunda semifinal entre o Milladoiro SD e o Bertamiráns FC. Os dous equipos gañadores disputarán a gran final ás 19.30. A entrada é gratuíta.
Para este torneo os equipos poden contar cos xogadores que xa tiñan fichados para as súas respectivas ligas. Cada club puido inscribir para este trofeo un máximo de 25 xogadores e tivo que presentar, xunto coa solicitude de inscrición, a copia de todas as fichas que inscribiu. Ademais, estará permitido xogar con cadetes maiores de 15 anos, aínda que o club non dispoña de equipo en categoría xuvenil.




