[09-10-2014] O Concello de Ames pon en marcha a cuarta edición do Concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!!. Este concurso está dirixido ao alumnado do Concello de Ames que estea matriculado no 2º ciclo da ESO ou no bacharelato. Nesta edición, como novidade, optouse polo formato de monólogo, en consonancia coa programación cultural do concello. A temática será libre, aínda que se valorara que estea relacionada con temas de actualidade. A participación pode ser individual ou en grupos de 3 persoas como máximo. As inscricións pódense realizar no IES de Ames (Bertamiráns) e no IES do Milladoiro ata o 14 de outubro de 2014. Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ficha de inscrición neste concurso.
O Concurso Radiofónico de Teatro Lido pretende dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva e da creatividade. Intenta, ademais, fomentar o gusto polo teatro entre a mocidade e o achegamento á radio municipal. Estes son algúns dos obxectivos desta iniciativa posta en marcha polos departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación do Concello de Ames.
Nesta edición, como novidade, optouse polo formato de monólogo, en consonancia coa programación cultural do concello. A participación pode ser individual ou en grupos de 3 persoas como máximo. Se a inscrición é grupal, o propio grupo designará o/a intérprete e indicará a función de cada unha das persoas dentro do grupo. O grupo poderá desenvolver en equipo parte do proceso, desde a escolla do tema, preparación do guión, os ensaios etc. A interpretación será sempre individual. Todas as inscricións, ben sexan individuais ou grupais, deberán ter un/unha representante (profesorado ou calquera outra persoa adulta) co fin de coordinar con ela as datas da formación e da gravación.
Os textos estarán en lingua galega e en formato de monólogo. A temática será libre, aínda que se valorará que estea relacionada con algún tema de actualidade. O texto poderá ser de creación propia ou unha adaptación/recreación dun texto de autor/a. O tempo estimado de emisión para cada un dos monólogos estará entre os 5 e os 10 minutos.
A inscrición dos participantes realizarase no IES de Ames (Bertamiráns) e no IES do Milladoiro, a través do Equipo de Dinamización Lingüística e utilizando a ficha de inscrición que se facilite. O prazo para inscribirse remata o 14 de outubro de 2014.
Xornada de formación
Todo o alumnado inscrito participará nunha xornada de formación impartida por unha persoa especialista en radio e teatro na que se achegarán claves de guionización, locución e interpretación. Esta xornada terá unha duración de tres horas e impartirase nos centros de ensino entre o 20 e o 22 de outubro.
Todos os e as participantes realizarán a gravación e a montaxe do monólogo na Radio municipal de Ames, entre o 27 e o 31 de outubro, previa cita fixada pola organización. A emisión das pezas realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 3 e o 20 de novembro nas seguintes franxas horarias: das 13.30 h ás 14.30 e das 22.00 h ás 23.00 h (de luns a venres). Os días 3 e 19 de novembro realizarase unha emisión especial pola tarde na que se poderán escoitar todas as pezas. A participación no concurso implica a autorización para estas emisións e a cesión a favor do Concello de Ames dos dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución. A todas e todos os participantes facilitaráselles unha copia do seu monólogo.
Repartiranse 600 euros en premios
Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un. A audiencia da radio municipal escollerá entre os monólogos emitidos o que obterá o premio do público. A votación realizarase entre o 10 e o 20 de novembro (incluídos) a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.org ou do teléfono 981 890 452. Os/as votantes terán que identificarse e só se computará un voto por persoa.
Haberá outros dous premios: premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. Estes dous premios tamén estarán dotados con 200 euros cada un. A Alcaldía Concello de Ames designará un xurado que será o encargado de seleccionar todos os premios, agás o do público. Os premios entregaranse a primeira semana de decembro.
Todo o alumnado e profesorado participante recibirá como agasallo un convite para unha das funcións teatrais programadas polo Concello de Ames. Estes convites poderán intercambiarse por entradas no prazo de reserva establecido polo Concello e estarán suxeitos á dispoñibilidade de aforo.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames divulgará el gallego con un certamen de monólogos en radio"