[12-09-2016] O Concello de Ames, a través da concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, informa de que esta mañá produciuse unha rotura na rede de abastecemento de auga no lugar de Pegariños, pertencente á parroquia de Ames. Estanse realizando obras de mellora do firme do camiño interior desta aldea. Durante a realización destes traballos rompeu en dous puntos a canle da rede de abastecemento, o que provocou que varios lugares do municipio estean sen auga. Nestes intres estase arranxando esta avaría. Agárdase que durante a tarde de hoxe quede resolta esta rotura e se restableza o servizo con total normalidade.
Debido ás roturas que se produciron na rede de abastecemento quedaron sen auga nos lugares de Pegariños, Loureiros, Castrigo, Caroubáns, Covas, Pousada, na rúa de Seixebre, no IES de Ames, no CEIP da Maía, e nunha parte de Augapesada. A rotura das tubaxes da rede de abastecemento produciuse durante a execución das obras que se están realizando no lugar de Pegariños para mellorar o firme do camiño interior desta aldea da parroquia de Ames. Estas obras están incluídas dentro do Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña.
Cómpre lembrar que a obra de reparación no interior do lugar de Pegariños está dividida en varios treitos. En oito destes tramos de 15x9,00; 10x3,00; 6x4,00; 50x5,00; 20x9,00; 30x6,00; 50x4,50; e 45x3,50, estase reparando o pavimento e reponse o firme aplicando doce centímetros de formigón, incluíndo mallazo e xuntas de dilatación, intercalando franxas de adoquín de granito de 5 metros de lonxitude e medio metro de ancho. Previamente houbo que demoler o pavimento existente e acondicionar a explanada.
Ademais, nun treito de 420 metros de lonxitude e 4 metros de ancho vaise a mellorar a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e aplicando un rego de selado en toda a superficie. Previamente, houbo que reparar as fochancas existentes e perfilar as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. No proxecto tamén se contempla a canalización de 190 metros de tubería de PVC de 400 milímetros de diámetro, a execución de tres pozos de rexistro e a execución de 47 metros de caz de formigón con reixa para a recollida de augas pluviais.
Contido relacionado
La Voz de Galicia:"Una rotura de la red deja sin agua a zonas rurales de Ames"




