Pestanas principais

Estase arranxando o firme de asfalto do treito da Travesía do Porto correspondente ao S-14

Luns, 10 de marzo de 2014

[10-03-2014] Esta mañá comezaron as obras para reparar o firme de asfalto do tramo da Travesía do Porto que corresponde ao S-14. As obras de urbanización deste treito da Travesía do Porto xa foron executadas o pasado ano, pero houbo que volver a realizar estes traballos de reparación do firme debido aos estragos que provocaron as inclemencias meteorolóxicas deste inverno. Agora estanse executando de novo aproveitando o bo tempo destes días. Estes traballos, que se desenvolverán entre hoxe e mañá, están sendo levados a cabo pola entidade urbanística de xestión do S-14 Travesía do Porto-Norte.


A entidade urbanística de xestión do S-14 Travesía do Porto-Norte está executando os traballos de reparación do firme de asfalto do tramo da Travesía do Porto correspondente ao S-14. Estes traballos desenvolveranse entre hoxe e mañá e consisten na renovación dunha parte do asfalto deste tramo de estrada. Durante estes dous días estre tramo da Travesía do Porto estará cortado para a circulación de vehículos.

O ano pasado os promotores do S-14 realizaron as obras de urbanización no treito correspondente ao S-14 da Travesía do Porto, no Milladoiro, pero o firme de asfalto da zona de actuación sufriu as inclemencias meteorolóxicas dos últimos meses e presenta algúns estragos. Debido a iso o Concello de Ames envioulle un requirimento á entidade urbanística de xestión do S-14 Travesía do Porto-Norte para que renovase o asfalto deste tramo da estrada.

Agora, aproveitando o bo tempo destes días, estanse executando estes traballos para reparar o firme de asfalto deste tramo da Travesía do Porto. Por outra banda, os traballos de urbanización executados xa en 2013 consistiron na reparación do firme, das beirarrúas e da iluminación. Estas obras foron realizadas pola entidade urbanística de xestión do S-14 Travesía do Porto-Norte, xa que eran uns traballos que lle correspondía acometer a estes promotores.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “estes traballos complementan os xa realizados o pasado ano pola entidade urbanística de xestión do S-14 Travesía do Porto-Norte e teñen o obxectivo de que o firme de asfalto deste tramo da Travesía do Porto quede en perfectas condicións para a circulación dos vehículos”. Ademais, o rexedor municipal pediu desculpas en nome do Concello de Ames polas posibles molestias que lle poidan ocasionar estes traballos aos veciños/as do Milladoiro.