[15-07-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, acompañado do concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, achegáronse ata Trasmonte para ver como se están desenvolvendo os traballos, que está executando a empresa Espina Obras Hidráulicas, para arranxar o colector xeral da rede de saneamento desta parroquia. Dito colector, que foi executado en 2009, tiña zonas de contrapendente que non permitían o seu funcionamento. Unha vez finalizadas estas obras, poderase poñer en funcionamento a rede de saneamento desta parroquia.

O alcalde de Ames, José Miñones, apunta que “como xa temos dito en moitas ocasións este goberno aposta por estender a rede de saneamento a todas as parroquias do concello. Por iso incluímos obras de saneamento en varios plan provinciais que se executarán ao longo deste ano. Neste caso, esta obra era necesaria para solucionar un problema que existía na rede de saneamento de Trasmonte. O que se está arranxando é o colector xeral que non funcionaba. Unha vez estea arranxado este problema poderase poñer en funcionamento toda a rede de saneamento desta parroquia”.
A través deste traballos estase solucionando un problema que existía no colector xeral da rede de saneamento de Trasmonte. Dito colector foi executado no ano 2009 pola Xunta de Galicia, pero quedou mal feito xa que tiña zonas de contrapendente que impedían que os veciños e veciñas desta parroquia se puideran conectar a rede actual. Para realizar esta obra estanse empregando 234 metros de tubaxe de 315 milímetros de diámetro e 197 metros de 250 milímetros de diámetro, polo que está actuación comprende unha área de actuación de algo máis de medio quilometro de distancia. Ademais, vanse executar 15 pozos de rexistro.
Esta obra, que ten un custo de 71.561,60 euros, está sendo sufragada a través do coeficiente correctivo que se aplica á UTE Acciona Agua Espina Servicios para paliar deficiencias que se detectan na rede de saneamento municipal. O Concello de Ames ten asinado un convenio con dita UTE, que na actualidade é a concesionario do ciclo integral da auga ata que se revolva o proceso de licitación que está en curso deste servizo municipal, para acometer estes traballos que se están executando na actualidade.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “na parroquia de Trasmonte realizouse hai uns 5 ou 6 anos un investimento en saneamento de arredor de dous millóns de euros, pero esta rede ata o de agora non se puido poñer en funcionamento debido aos problemas que existían non colector xeral. Ningún goberno ata este momento lle buscou unha solución a este problema. Este goberno comprometeuse a arranxar este colector e así se está facendo. Unha vez finalizadas estas obras, tratarase de poñer en funcionamento a rede de saneamento desta parroquia o máis axiña posible”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Trasmonte podrá conectarse a la red de saneamiento tras el arreglo del colector"
La Voz de Galicia: "Ames corrige las carencias del saneamiento de Trasmonte"




