Pestanas principais

Están á venda as entradas para os espectáculos de teatro Güela-Güela e Soño dunha noite de verán

Martes, 14 de febreiro de 2017

[14-02-2017] Este venres, 17 de febreiro, continúa a programación teatral no concello de Ames con dous espectáculos para nenos/as e e adultos. A Casa da Cultura do Milladoiro acolle, ás 18:00 horas, o espectáculo da compañía Galitoon "Güela-Güela", mentres que no centro sociocultural de Bertamiráns representarase a obra "Soño dunha noite de verán" a cargo da compañía Voadora. Este último espectáculo para adultos é unha adaptación feita da comedia escrita por William Shakespeare arredor de 1595. As entradas para asistir a estas obras de teatro están dispoñibles na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns. Ademais, resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.

A Concellaría de Educación e Cultura preparou unha ampla programación teatral para o primeiro semestre deste ano. Para este venres, 17 de febreiro, hai dous espectáculos programados. O primeiro, que está dirixido a un público infantil de 2 a 6 anos, será no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá dous pases. O primeiro, ás 12:30 horas, está destinado ao alumnado dos centros escolares, mentres que o segundo, ás 18:00 horas, é aberto ao público en xeral.

Güela-Güela, da compañía Galitoon, narra a misión que teñen as cegoñas adultas de levar aos bebés recentemente nacidos á beira dos seus pais. Pero un día, unha pequena cego decidiu que xa era maior para levarlle o bebé aos seus pais, aínda que non sabía que xusto ese era un bebé moi peculiar. Así comeza a gran aventura e unha historia chea de música, humor e diversión, que realza a importancia da amizade, a solidariedade e a familia pero, sobre todo, de voar sempre en grupo e nunca só, para poder protexernos dos perigos que nos podamos atopar.

O segundo espectáculo previsto para este venres, 17 de febreiro, é Soño dunha noite de verán, da compañía Voadora. Trátase dunha adaptación feita da comedia escrita por William Shakespeare arredor de 1595. Esta obra de teatro representarase ás 21:00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Esta comedia narra a historia de Demetrio e Lisandro que queren a Hermia. Ela só ten ollos para Lisandro pero o pai dela só acepta a Demetrio. A súa amiga Helena ama a Demetrio pero este amor non é correspondido. Hermia e Lisandro acordan fuxir da cidade ao amparo da escuridade, pero son perseguidos por un enfurecido Demetrio que á súa vez é perseguido por unha extasiada Helena. No bosque, sen o coñecemento dos mortais, Oberón e Titania (rei e raíña das fadas) teñen unha disputa sobre un criado. A trama xira cando o súbito de Oberón, Puck, corre solto cunha flor que fai que as persoas namoren do primeiro que vexan ao despertar.

As entradas para estas obras de teatro xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxería e coa axuda dos técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Ademais, resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.