[26-04-2013] Este venres pola tarde púxose fin a parte presencial das III Xornadas sobre violencia de xénero, que organizou o Concello de Ames entre o 15 e o 26 de abril. Durante estas dúas semanas desenvolvéronse cinco xornadas nas que se abordou a incidencia da violencia de xénero nas mulleres maiores e o seu tratamento nos medios de comunicación. Na quinta e última xornada presencial tratouse a violencia de xénero desde o punto de vista social, incidindo nos aspectos sociolóxicos das mulleres maiores galegas. Na clausura estiveron o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenía Martín. Ademais, interveu a portavoz da Comisión de Igualdade no Congreso dos Deputados, Marta González. Trala formación presencial impartirase unha parte de formación a distancia. Para completar esta segunda fase os participantes terán que realizar unha serie de exercicios que posteriormente enviarán aos titores/as do curso.
Marta González, portavoz da Comisión de Igualdade no Congreso dos Deputados, foi a encargada de poñerlle o punto e seguido as III Xornadas sobre violencia de xénero do Concello de Ames. Entre os días 15 e 26 de abril desenvolveuse a parte presencial destas xornadas. Esta acción formativa, que conta co apoio da Deputación da Coruña, ten unha duración de 40 horas, 26 a distancia utilizando un manual de formación específico e 14 presenciais.
Estas xornadas, que están dirixidas a profesionais que traballan con vítimas da violencia de xénero e tamén ao público en xeral, tratan sobre a incidencia desta violencia entre as mulleres maiores e o seu tratamento nos medios de comunicación. Organizáronse un total de cinco xornadas que se desenvolveron no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns. Nesta última xornada presencial tratouse a violencia de xénero desde o punto de vista social, incidindo nos aspectos sociolóxicos das mulleres maiores galegas.
Cómpre lembrar que as xornadas foron inauguradas o pasado 15 de abril polo alcalde de Ames, Santiago Amor; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín. Tras a presentación das xornadas interveu Luís Lorenzo Mur, xerente adxunto do Consorcio Galego de Igualdade, para ofrecer a primeira charla do programa.
Na segunda xornada, que se celebrou o 17 de abril, tratáronse os aspectos xurídicos da violencia de xénero cando as mulleres son maiores. Para iso a directora do Centro de Emerxencias Autonómico para vítimas de violencia de xénero, Begoña Rivera, impartiu unha conferencia sobre este tema.
Durante esta semana impartíronse dúas xornadas máis. O martes, 23 de abril, tratáronse os aspectos psicolóxicos diferenciais das mulleres maiores que sofren este tipo de violencia. Para iso a psicóloga no CIM do Concello de Coirós, Cándida Rodríguez Ferro, fixo unha análise sobre os aspectos psicolóxicos que se deben ter en conta na violencia de xénero.
O día seguinte, o mércores 24 de abril, analizouse a incidencia da violencia de xénero nos medios de comunicación, abordando o tratamento que se fai desta información e a necesidade da prevención da violencia e da promoción da igualdade. Nesta ocasión interveu a xornalista Carla Reyes. Esta xornada completouse cunha mesa redonda na que se falou sobre a prostitución en mulleres maiores e o seu incremento debido á crise económica. A mesa redonda estivo moderada por Carla Reyes e nela participaron a xornalista María Méndez e o portavoz da Asociación de Homes Galegos Pola Igualdade, Celso Taboada.
Formación a distancia
Unha vez finalizada a fase presencial o alumnado que participa nestas xornadas terá que completar un total de 26 horas de formación a distancia utilizando un manual de formación específico. Para completar a parte a distancia os participantes terán que realizar unha serie de exercicios que posteriormente enviarán aos titores/as do curso. Ao remate, o alumnado recibirá un diploma acreditativo da súa asistencia ás xornadas. Rematada toda a formación clausuraranse as III Xornadas de violencia de xénero cun acto que terá lugar o xoves, 13 de xuño, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste acto, representarase unha obra de teatro titulada “Xenitais”, a cargo da compañía Teatro da Zarabándula.
Esta obra estreouse o pasado 25 de novembro de 2010 no Pazo da Cultura Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo co gallo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A liña argumental desta peza teatral xira arredor de dúas mulleres que se atopan e poñen en común as súas experiencias como fillas, como esposas, como nais, como mulleres, tratando de reivindicar e de poñer en valor o seu universo feminino. Para iso botan a vista atrás chegando a uns tempos non demasiado remotos no que o rol da muller na sociedade non era outro que o de satisfacer ó seu home para ir navegando dende alí ata unha época na que se poida falar abertamente sen medo, sen condicionamentos, rompendo tódolos tabús existentes sen esquecer os problemas aos que aínda hoxe se teñen que enfrontar polo simple feito de nacer mulleres.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Formación sobre la violencia sexista desde Bertamiráns"




