Pestanas principais

Esta semana vén cargada con novas sesións de contacontos

Mércores, 06 de abril de 2011

[06-04-2011] Durante esta semana continúan as actividades de animación á lectura organizadas polas bibliotecas municipais amesás. "Conto, contas, contan... Cantos contos contas ti?", este é o lema da programación de animación á lectura que puxo en marcha a biblioteca municipal para este curso. Estas actividades desenvolveranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro. Con contacontos e obradoiros, a programación das actividades de animación á lectura, organizadas pola biblioteca municipal dependente da Concellaría de Educación e Servizos Complementarios, dánlles a oportunidade aos nenos e nenas de achegárense aos libros dun xeito máis divertido. Os nenos/as que desexen inscribirse nos obradoiros deste mes deben darse présa porque o prazo remata o día 8 deste mes.

As bibliotecas municipais de Ames programaron unha serie de actividades co fin de continuar fomentando a lectura entre os máis cativos. Trátase de sesións de contacontos adecuadas ás diferentes idades e realizadas en varios lugares do municipio. Os rapaces e rapazas maiores de 3 anos teñen dúas sesións distintas de contacontos nas que as animadoras á lectura das bibliotecas municipais e a mascota, Lepi, narrarán historias sobre o amor.

Neste mes de abril que acaba de comezar, as actividades da Biblioteca virán marcadas por dúas datas de especial relevancia para o mundo da literatura: o 2 de abril é o día internacional da literatura infantil e o 23 é o do día internacional do libro. Por este motivo, e afondando nas políticas de achegamento e fomento da lectura, a Biblioteca Municipal organizará varias xornadas de contacontos e un obradoiro de iniciación á escritura.

As xornadas de contacontos, destinados a maiores de 3 anos, terán lugar o mércores 6 de abril na biblioteca do Milladoiro e o xoves 7 na de Bertamiráns, a partir das 18:00 horas da tarde en ambos casos. As animadoras da Biblioteca Municipal encargaranse de facer unha listaxe das obras que máis lle gustaron aos nenos nestes últimos meses e que non teñan nada que ver coa temática dos programas elaborados mensualmente pola Biblioteca, de tal forma que destas obras escollerán aquelas destinadas á realización dos contacontos. Así, terán especial importancia as obras ilustradas que ademais teñan un marcado carácter sentimental para lograr deste xeito chegarlle ao corazón dos máis pequenos e pequenas da casa.

O obradoiro deste mes xirará ao redor da escritura, levando a cabo técnicas divertidas e xogos diversos cos que os rapaces e rapazas aprenderán técnicas que lle permitirán escribir as súas propias historias. Estas historias poderán ser lidas no blog dos obradoiros onde os rapaces irán colgando as súas primeiras obras literarias. Este obradoiro está destinado a rapaces e rapazas maiores de 8 anos e terán lugar o mércores 13 na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 14 na biblioteca do Milladoiro. Aqueles que desexen inscribirse deberán facelo ata o 8 de abril nas bibliotecas.