Pestanas principais

Esta semana remata o prazo para inscribirse no Setembro Lúdico 2011

Xoves, 04 de agosto de 2011

[04-08-2011] O sábado, 6 de agosto, remata o prazo para a inscrición no Setembro lúdico 2011. O período para inscribirse leva aberto desde o pasado 26 de xullo. Esta iniciativa está dirixida a nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de educación infantil e en educación primaria empadroados no Concello de Ames. O Setembro Lúdico pretende ser unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo, permita aos pais e nais conciliar a vida laboral e familiar. O programa desenvolverase durante os días 1, 2, 5, 6, 7, 8, e 9 de setembro.

Un ano máis, o Concello de Ames oferta o Setembro Lúdico, unha alternativa para o tempo de lecer dos nenos e nenas amienses e un xeito de conciliar a vida laboral e familiar. O día 6 de agosto remata o prazo aberto desde o 26 de xullo para inscribirse no Setembro Lúdico 2011. Trátase dunha oferta alternativa para o tempo de lecer dos nenos e nenas amienses, ademais dunha oportunidade para que os seus pais poidan conciliar a vida laboral e familiar. Os beneficiarios son os cativos e cativas de 2º ciclo de educación infantil e educación primaria empradoados no Concello de Ames ou fillos/as de persoas que, aínda estando empadroadas noutro concello, acrediten que teñen os seus postos de traballo neste municipio. Con todo, terán preferencia os nenos e nenas empadroados no Concello.

O Setembro Lúdico comezará ás 7:30 h co programa Bos Días. Das 9.00 h ás 14.30 h, os nenos e nenas desenvolverán as actividades programadas. En Bertamiráns, a rapazada recibirase no ximnasio do IES de Ames, aínda que logo poderán gozar dos diferentes obradoiros e xogos nas aulas. No Milladoiro as actividades terán lugar na Escola Infantil. Os nenos e nenas que non vaian usar o servizo de comedor serán recollidos/as antes das 14.30 h. Quen quede a xantar terá xogo libre e comedor ata as 16.00 horas. A responsabilidade, control e coidado dos participantes comprenderá só esta franxa horaria e, polo tanto, prégase puntualidade.

O programa de Setembro Lúdico ofrece os seus servizos mediante o programa completo ou a través de días soltos. O custo do servizo enteiro, das 9:00 h ás 14:30 h, será de 14 euros ( 2,50 €/día). Con comedor, en horario de 9:00 h a 16:00 h, o prezo ascenderá a 52,50 € ( 8,50 €/día). Para os que acudan aos Bos Día e marchen ás 14:30, o prezo será de 28 € con almorzo ( 5,00 €/día) e 24,50 € sen el (4,50 sen almorzo). Das 7:00 h ata as 16:00 h, o prezo vai de 66,50 € con almorzo (11 €/día) a 63 € sen almorzo (10,50 €/día).

Prazo de inscrición
O prazo de inscrición para este Setembro Lúdico 2010/2011 estará aberto até o 6 de agosto. Aqueles solicitantes que se atopen nunha situación económica ou social de necesidade, poderán ser beneficiados dunha concesión de bonificación no pago da actividade.

A entrega de documentación realízase Rexistro Xeral do concello, en Bertamiráns (de luns a sábado), e na Oficina Municipal do Milladoiro (de luns a venres). Tanto para a entrega como para a recollida dos papeis, o horario é de 9:00 h a 14:00 horas. En ningún caso se admitirán inscricións fóra de prazo.

Unha vez rematado o prazo de inscrición publicarase a lista de persoas admitidas nos taboleiros de anuncios do Concello e da Oficina Municipal do Milladoiro. Nestas listaxes indicaranse os lugares das actividades por grupos . Para máis información poden chamar por teléfono ao Departamento de Educación do Concello (981 891 476) ou enviar un correo electrónico a educacion@concellodeames.org.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Último día para apuntarse al Setembro lúdico"