[21-09-2016] O Concello de Ames, a través das concellarías de Normalización Lingüística e de Servizos Sociais, organizou unha nova edición do obradoiro de lingua e cultura, En galego, co teu acento. Trátase dunha actividade gratuíta de 30 horas de duración que se desenvolverá de luns a venres nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de outubro, novembro e comezos de decembro. Ofrécense un total de 40 prazas (20 para cada localidade). O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de setembro.

Os obradoiros de lingua e cultura desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro. En Bertamiráns as clases impartiranse no Pazo da Peregrina, do 3 ao 31 de outubro, en horario de 9:30 h a 11:00 h, de luns a venres. No Milladoiro, o obradoiro impartirase na Casa da Cultura desde o 7 de novembro ata o 2 de decembro, tamén de luns a venres e en horario de 9:00 h a 10:30 h. Os obradoiros duran un total de 30 horas, son gratuítos e hai 20 prazas para cada unha das localidades. As persoas que asintan, como mínimo, ao 90 % das sesións recibirán un diploma acreditativo da asistencia.
O prazo de inscrición remata este venres, 23 de setembro. As inscricións poden facerse tanto presencialmente, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns e nas Oficinas municipais do Milladoiro (Rúa de Abaixo, número 10), como a través do teléfono, chamando aos seguintes números: 662 377 215 e 981 525 349.
As persoas asistentes a este obradoiro achegaranse á lingua e á cultura progresivamente, nun proceso de aprendizaxe que pasa pola adquisición de coñecementos a partir fundamentalmente do traballo en equipo e da realización conxunta de actividades cotiás. Trátase dunha actividade basicamente práctica cuns mínimos contidos teóricos. Os obradoiros de lingua e cultura están dirixidos a todas aquelas persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames, aos inmigrantes ou emigrantes retornados residentes no territorio municipal amesán, e a calquera persoa interesada en achegarse á lingua e á cultura galega.
Ademais, a través desta iniciativa preténdese proporcionar nocións básicas para a comprensión e a expresión oral e escrita da lingua galega; fomentar o achegamento á cultura é a historia de Galicia; dar a coñecer Ames, as infraestruturas e os servizos que ofrece a institución municipal; promover a cohesión social e a integración na sociedade galega e amesá, pór en valor a multiculturalidade de Ames e promover o intercambio cultural.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Obradoiro de lingua galega con 40 prazas e de balde no Milladoiro e Bertamiráns"




