Pestanas principais

Esta semana remata o prazo de inscrición para o Setembro Lúdico, o obradoiro de Xabier Díaz e a ruta nocturna en kaiak

Mércores, 13 de xullo de 2016

[13-07-2016] Esta semana remata o prazo de inscrición para varios servizos e actividades que están organizando os diferentes departamentos municipais do Concello de Ames. Deste xeito, o venres 15 é o derradeiro día para apuntarse no programa de conciliación Setembro Lúdico, que terá lugar todas as mañás entre os días 1 e 9 de setembro. Tamén está aberto o prazo para inscribirse no obradoiro de percusión, que impartirá este venres o músico Xabier Díaz en Agrón. Por último, este xoves 14 pecha o prazo para participar na ruta nocturna en kaiak polas Fervenzas do Ézaro, que se desenvolverá o venres 29 deste mes. Premendo nas ligazóns que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os impresos de inscrición.

O Concello de Ames ten organizadas varias actividades para as que é preciso inscribirse. Unha delas é o programa Setembro Lúdico, que se desenvolverá entre os días 1 e 9 de setembro. O prazo para apuntarse neste servizo municipal está aberto ata este venres 15 de xullo. Os interesados/as poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, na Oficina municipal do Milladoiro ou na propia páxina web municipal.

Posteriormente, haberá que entregar esta documentación no Rexistro Xeral da Casa do Concello en Bertamiráns (de luns a sábado), na Oficina Municipal do Milladoiro ou no Rexistro do departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina (de luns a venres). Tanto para a entrega como para a recollida dos papeis, o horario de atención ao público é de 9:00 h a 14:00 horas. En ningún caso se admitirán inscricións entregadas posteriormente ao 15 de xullo.

Obradoiro de percusión
A concellaría de Cultura organizou un obradoiro de canto e percusión tradicional, a cargo de Xabier Díaz, para este venres 15 de xullo. O obradoiro dividirase en dúas partes: a primeira terá lugar entre as 11:30 e as 13:00 horas. Farase entón unha pausa para o xantar. As persoas que así o desexen poderán ademais inscribirse na comida que se servirá na Casa Gasamáns. Ás 15:30 retomarase o obradoiro, para rematar ás 17:00 horas. Pola noite, na Ponte Maceira, o propio Xabier Díaz acompañará ás Maianas, agrupación de pandereteiras do propio concello de Ames, nun concerto que comezará ás 22:00 horas, e que se enmarca dentro do programa de “Noites en Vela”.

O prezo do obradoiro é de 20 euros. Para as persoas que participen no xantar colectivo en Casa Gasamáns o prezo será de 33 euros. O concerto na Ponte Maceira, como toda a programación pertencente ás “Noites en vela”, é gratuíto. Para realizar a inscrición ou solicitar máis información pódese chamar aos números de teléfono 690195271 / 981535940 ou enviar un correo electrónico aos enderezos inesportela@madapro.es - cultura.milladoiro@concellodeames.gal.

Ruta nocturna en kaiak
Por último, cómpre lembrar que este xoves, 14 de xullo, remata o prazo para inscribirse na ruta nocturna en kaiak polas Fervenzas do Ézaro, que se desenvolverá o venres 29 deste mes. Esta actividade, que está dirixida a maiores de 16 anos, ten un custo de 27 euros e inclúe desprazamento, a propia ruta e un pequeno aperitivo. Os rapaces e rapazas que teñen entre 12 e 16 anos tamén poderán participar, pero sempre e cando estean acompañados dun adulto. Para máis información e reserva de praza hai que pórse en contacto coa OMIX chamando ao número de teléfono 616083229 ou enviando un correo electrónico omix@concellodeames.gal.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames pecha esta semana o prazo para anotarse en tres actividades municipais"
La Voz de Galicia:"Últimos días para solicitar plaza en el Setembro Lúdico"