[26-12-2011] O Concello de Ames ten preparada unha ampla programación cultural para o mes de decembro. Dentro desta programación atópase o ciclo de cine que inclúe a proxección de dous filmes nas Casa da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. O martes 27 de decembro, ás 20:00 horas, proxectarase a película Sinbad no auditorio do centro sociocultural do Milladoiro, unha película está baseada na obra de Álvaro Cunqueiro Se o vello Sinbad vólvese á illas. Este filme está dirixido aos nenos e nenas maiores de 12 anos. O día seguinte, o mércores 28 de decembro, ás 17:00 horas, proxectarase a película Cars 2 no auditorio do Centro Sociocultural de Bertamiráns. Este filme está dirixido ao público infantil.
O Concello de Ames ten preparadas diferentes actividades culturais e lúdicas para a última semana do ano. Entre as actividades que se encadran dentro da programación de Nadal atópase un pequeno ciclo de cine dirixido á mocidade amiense. O martes 27 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas, proxectarase a película Se o vello Sinbad vólvese ás illas, mentres que o mércores 28, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, poderase ver o filme Cars 2.
Este ano estase celebrando o centenario do nacemento do insigne autor mindoniense Álvaro Cunqueiro Mora (22 de decembro de 1911). Álvaro Cunqueiro establece nas súas obras unha constante ósmose entre realismo e fantasía, difumina os límites entre a realidade e o soño, permitindo a irrupción do extraordinario. Así, recrea de xeito lúdico, pero con recursos narrativos de tipo realista, os vellos mitos, como sucede na obra Se o vello Sinbad vólvese ás illas. Aproveitando a celebración do centenario do nacemento de Cunqueiro, o Concello de Ames proxectara este martes a película que esta baseada na obra do autor mindoniense. Este filme de produción galega está dirixido aos nenos e nenas maiores de 12 anos.
En Se o vello Sinbad vólvese ás illas (1961) preséntanos ao coñecido navegante das Mil e unha noites retirado en Bolanda, a súa terra natal. Polas mañás coida a súa pequena horta e pasea polo peirao. Durante ás tardes frecuenta as tertulias da fonda de Mansur, onde refire as prodixiosas aventuras pasadas. Sospeitando que os oíntes non dan creto aos seus relatos, decide volver embarcar para retomar a súa vida aventureira. A partir de aí, Sinbad enrédase no novelo dos seus soños, ata entón diferenciados da realidade, e sucumbe finalmente perdendo a súa fama, a súa capacidade fabuladora e a vista.
A produtora Ficción Producciones foi a encargada de realizar esta longametraxe, que estivo dirixida por Antón Dobao. Xosé Manuel Olveira Pico, foi o actor que dou vida ó personaxe de Sinbad, e Segundo Grandío encargouse de compoñer a banda sonora do filme.
Cine infantil
Para o mércores 28 de decembro queda a película Cars 2. Este filme está dirixido ao público infantil e proxectarase na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 17:00 horas. Cars 2 é unha película de animación americana producida por Pixar no ano 2011. A historia que narra o filme pódese resumir en que Rayo McQueen e o seu amigo, a grúa Mate, viaxan ao estranxeiro para participar no primeiro Campionato Mundial no que se decidirá cal é o coche máis rápido do planeta. A primeira escala é Toquio (Xapón), onde Mate terá que converterse nun espía secreto ao verse inmerso inesperadamente nun caso de espionaxe internacional, que o levará a París e a Londres. Tamén vivirán unha aventura de proporcións épicas ao viaxar a Porto Corsa (Italia), para disputar o Campionato. Porén, os dous terán que renunciar aos praceres da Ribeira italiana -iates, praias e gastronomía italiana- xa que Mate está moi ocupado coa súa labor de espía, mentres que McQueen compite contra os mellores coches do mundo.




