Pestanas principais

Esta semana haberá novas sesións de contacontos nas bibliotecas municipais e nos locais sociais de Augapesada e de Bugallido

Luns, 06 de abril de 2015

[06-04-2015] As bibliotecas municipais de Ames continúan coa programación de actividades de animación á lectura durante o mes de abril. As novas sesións de contacontos deste mes, como é habitual, desenvolveranse nas bibliotecas de Milladoiro e de Bertamiráns e nos locais sociais de Augapesada e de Bugallido cada quince días. Esta actividade comeza hoxe no local social de Augapesada. A entrada aos contacontos é libre e gratuíta e a actividade está recomendada para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade.

Que hai no ceo? Este é o lema da programación de contacontos deste curso e durante o mes de abril os contos xirarán arredor das nubes, das treboadas, da choiva, etc. Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal, teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.

Estas sesións de contacontos comezan este luns, 6 de abril, no local social de Augapesada, e continuarán o martes 7 no local social de Bugallido. O mércores, 8 de abril, tocaralle a quenda aos usuarios/as da Biblioteca municipal do Milladoiro, mentres que o xoves 9 celebraranse na Biblioteca municipal de Bertamiráns.

As sesións de contacontos continúan o luns, 20 de abril, no local social de Augapesada, o martes 21 terán lugar no local social do Bugallido, o mércores 22 na Biblioteca municipal de Bertamiráns e o xoves 23 na Biblioteca municipal do Milladoiro. A entrada aos contacontos é libre e gratuíta e a actividade está recomendada para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade. Todas as sesións de contacontos comezan ás 18:00 horas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Nuevas sesiones de cuentacuentos en los centros sociales"