[09-03-2015] As bibliotecas municipais de Ames continúan coa programación de actividades de animación á lectura durante o mes de marzo. As novas sesións de contacontos deste mes, como é habitual, desenvolveranse nas bibliotecas de Milladoiro e de Bertamiráns e nos locais sociais de Augapesada e de Bugallido cada quince días. Esta actividade comeza hoxe no local social de Augapesada. A entrada aos contacontos é libre e gratuíta e a actividade está recomendada para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade.
Que hai no ceo? A lúa. Este é o lema da programación de contacontos para o mes de marzo. Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal, teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.
Estas sesións de contacontos comezan este luns, 9 de marzo, no local social de Augapesada, e continuarán o martes 10 no local social de Bugallido. O mércores, 11 de marzo, tocaralle a quenda aos usuarios/as da Biblioteca municipal do Milladoiro, mentres que o xoves 12 celebraranse na Biblioteca municipal de Bertamiráns.
As sesións de contacontos continúan o luns, 23 de marzo, no local social de Augapesada, o martes 24 terán lugar no local social do Bugallido, o mércores 25 na Biblioteca municipal de Bertamiráns e o xoves 26 na Biblioteca municipal do Milladoiro. A entrada aos contacontos é libre e gratuíta e a actividade está recomendada para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade. Todas as sesións de contacontos comezan ás 18:00 horas.




