[13-05-2013] O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, ten preparada para este mes de maio unha completa programación para conmemorar as Letras Galegas, que este ano lembra a figura de Roberto Vidal Bolaño. Dentro desta programación de actividades enmárcase o ciclo “Cine das Letras”, que se desenvolverá nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Proxectáranse tres películas que son adaptacións de obras literarias galegas. A entrada será de balde. As proxeccións serán todas ás 21:00 horas.
Entre o luns 13 e o mércores 15 de maio, o Concello de Ames acollerá a programación do ciclo “Cine das Letras”, unha iniciativa que ten como obxectivo dar a coñecer producións culturais en lingua galega, nomeadamente as creacións audiovisuais e literarias, achegándolle á cidadanía producións audiovisuais en lingua galega difíciles de atopar nas salas comerciais. O nexo de unión entre todas as películas programadas é que son adaptacións de obras literarias galegas. A entrada será de balde.
A primeira proxección deste ciclo terá lugar o luns 13 de maio na Casa da Cultura de Bertamiráns, onde ás 21:00 horas se poderá ver o filme 'O lapis do carpinteiro'. Este filme, estreado en 2002 e dirixido por Antón Reixa, está baseado na novela homónima de Manuel Rivas e conta unha historia ambientada durante a Guerra Civil española en Galicia.
A seguinte película en proxectarse neste ciclo de cine será 'Romasanta, a caza da besta'. Neste caso, a proxección terá lugar o martes, 14 de maio, ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Este filme, estreado en 2004 dirixido por Paco Plaza, está baseado nunha novela de Alfredo Conde e na historia verídica de Manuel Blanco Romasanta, tamén coñecido como o home lobo de Allariz.
O ciclo “Cine das Letras” continuará o mércores, 15 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa proxección da película 'O club da calceta'. O filme, dirixido por Antón Dobao no ano 2009, é unha adaptación libre da premiada novela do mesmo nome da lucense María Reimóndez.




