Pestanas principais

Esta semana comezou unha nova edición do programa Amessan que este ano estende as súas actividades ao lugar de Augapesada

Sábado, 11 de outubro de 2014

[11-10-2014] Ao longo desta semana foron comezando as diferentes actividades que recolle o programa Amessan 2014-2015. A principal novidade para este curso é a ampliación do número de grupos. Deste xeito, o lugar de Augapesada, pertencente á parroquia de Ames, contará con clases de xerontoximnasia, os luns e venres, de 18:30 a 19:30 horas. Ademais, mantéñense as actividades e os grupos que se viñan desenvolvendo o curso pasado. Este ano impartiranse actividades de xerontoximnasia e ludoteca cognitiva, así como un obradoiro de música e baile tradicional, actividades de manualidades e un obradoiro de inglés, nos lugares e nas parroquias de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bertamiráns, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Milladoiro, Piñeiro, A Tarroeira e Trasmonte.

O programa Amessan ten como finalidade impulsar o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. A través das diferentes actividades integradas no proxecto, lógrase ademais que os maiores saian da casa, coñezan xente, estean entretidos e ao mesmo tempo fagan exercicio.

Este programa, que se desenvolverá entre os meses de outubro e xuño, inclúe as actividades de xerontoximnasia (ximnasia terapéutica), ludoteca cognitiva (estimulación das funcións cognitivas), obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”, actividades de manualidades “Creando fogares” e un obradoiro denominado “Achégate ao inglés”.

Segundo explica a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, “este ano o programa Amessan está tendo moi boa acollida e incrementouse o número de participantes en todas as actividades. Deste xeito, ademais de aumentar o grupo de Augapesada, é posible que haxa que crear algún grupo máis”. 

Horarios de actividades
 
A principal novidade para este curso é a ampliación do número de grupos. Deste xeito, o lugar de Augapesada, pertencente á parroquia de Ames, contará con clases de xerontoximnasia, os luns e venres, de 18:30 a 19:30 horas.

Na parroquia de Agrón desenvolverase o obradoiro de manualidades “Creando fogares” no local social, os xoves de 17:00 a 19:00 horas. Na Ameixenda os veciños e veciñas desta parroquia poderán participar no obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”. Esta actividade desenvolverase no local social os martes de 17:15 a 19:15 horas. Ademais, poderán participar na ludoteca cognitiva que terá lugar os xoves de 16:30 a 18:30 horas.

En Bertamiráns impartiranse dúas actividades. Os luns e mércores, de 17:30 a 18:30 horas, desenvolverase a actividade de xerontoximnasia (grupo 1), e os martes e xoves, de 12:00 a 13:00 horas, impartirase xerontoximnasia (grupo 2). Ademais, nesta localidade realizaranse as actividades de ludoteca cognitiva (os luns e mércores, de 16:30 a 17:30 horas). Estas actividades desenvolveranse na Casa da Cultura desta localidade.

Na parroquia de Bugallido desenvolveranse catro actividades. Os luns e venres, de 20:00 a 21:00 horas, desenvolverase a actividade de xerontoximnasia (grupo 1), e o luns e venres, de 21:00 a 22:00 horas, impartirase xerontoximnasia (grupo 2). Estas dúas actividades desenvolveranse no local social. En Bugallido, os veciños e veciñas desta parroquia tamén poderán participar no obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”. Esta actividade desenvolverase no local social os mércores de 17:00 a 19:00 horas. Ademais, impartirase a ludoteca cognitiva os xoves en horario de 17:00 a 19:00 horas.

No local social de Covas impartirase a actividade de ludoteca cognitiva os xoves, en horario de 19:00 a 21:00 horas, mentres que no local social de Cruxeiras desenvolveranse tres actividades; xerontoximnasia, os martes e xoves de 20:00 a 21:00 horas, o obradoiro de manualidades “Creando fogares”, os martes de 17:30 a 19:30 horas, e a ludoteca cognitiva, os mércores de 16:30 a 18:30 horas.

No Milladoiro impartiranse tres actividades. Os martes e xoves, de 17:30 a 18:30 horas, desenvolverase a actividade de xerontoximnasia (grupo 1), e os martes e xoves, de 18:30 a 19:30 horas, impartirase xerontoximnasia (grupo 2). Ademais, nesta localidade realizarase a actividade de ludoteca cognitiva grupo 1 (os luns e xoves, de 18:00 a 19:00 horas) e a ludoteca cognitiva grupo 2 (os luns e mércores, de 19:30 a 20:30 horas). Por outra banda, impartirase o obradoiro de “Achégate ao inglés”, os luns, de 18:00 a 19:00 horas, e o mércores, de 16:30 a 17:30 horas. Estas actividades desenvolveranse na Casa da Cultura desta localidade.

No local social de Piñeiro haberá xerontoximnasia os luns e mércores, en horario de 19:00 a 20:00 horas. Na Tarroeira tamén se impartira esta mesma actividade os luns e mércores, pero en horario de 20:30 a 21:30 horas, e a de ludoteca cognitiva, que será os mércores de 18:00 a 20:00 horas.

Por último, no local social de Trasmonte desenvolverase o obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”, os luns de 19:00 a 21:00 horas, e o de manualidades, os mércores de 18:00 a 20:00 horas.

Inscricións nas actividades 
As inscricións realízanse no lugar e horario no que se desenvolve a actividade a que cada persoa acode. Para realizar as inscricións cada usuario/a deberá cubrir unha ficha de inscrición. Ademais, as persoas maiores de 60 anos deberán presentar unha fotocopia do DNI, mentres que as persoas que teñan menos de 60 anos terán que presentar un informe do médico de atención primaria que acredite a súa discapacidade. As inscricións estanse realizando a un bo ritmo e segundo indica a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, está previsto que se superen as 400 inscricións do curso pasado.