Pestanas principais

Esta semana comezou o curso de iniciación ao piragüismo con 18 participantes

Xoves, 05 de xullo de 2012

[05-07-2012] O piragüismo e o kayak de río en augas tranquilas son deportes que están en auxe e que cada vez teñen máis adeptos. Precisamente por este motivo, dende o día 2 de xullo estase realizando un curso de iniciación ao piragüismo na praia fluvial de Tapia, que está dirixido á mocidade amiense. Neste curso que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto participan un total de 18 rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Esta actividade, que se desenvolve os luns, mércores e venres, está impartida polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e a Concellaría de Deportes. Ademais, conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Coa chegada do verán organízanse diferentes actividades acuáticas. Un claro exemplo disto é o curso de iniciación ao piragüismo que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto na praia fluvial de Tapia, nunhas instalacións inmellorables para a práctica deste deporte. Estas actividades serán impartidas polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e contan coa colaboración do Concello de Ames.

Nestes primeiros días, os nenos e nenas amienses dedícanse a aprender as bases sobre as que se sustenta este deporte e, a súa vez, adquiren as primeiras habilidades no dominio da pa fóra e dentro da auga. Antes de subiren na embarcación, os rapaces e rapazas dedican uns minutos a quecer practicando coa pa fóra do río Tambre. A continuación soben nas piraguas para seguir coas leccións. Unha das primeiras cousas que aprenderon foi o que hai que facer en caso de caer da embarcación. A través deste curso trátase de ofrecer unha pequena achega ao piragüismo, unha disciplina que cada vez adquire maior presenza e potencial como actividade deportiva.

Neste curso están inscritas un total de 18 rapaces e rapazas que teñen entre 8 e 14 anos. As clases realizaranse, con independencia do estado meteorolóxico, os luns, mércores e venres, en horario de 16:30 h. a 18:00 horas. Todos os rapaces e rapazas que desexen participar neste curso aínda están a tempo de facelo. O prazo de inscrición mantense aberto durante este mes de xullo ata que se complete a totalidade das prazas ofertadas. O prazo de inscrición non ten límite de data, polo que os rapaces e rapazas interesados poderán apuntarse ata completar as prazas. O prezo desta actividade é de 30 euros.

As inscricións, poderán realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro e na Oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns (Pazo da Peregrina) das 9:00 h. ás 14:00 horas. Cómpre salientar que as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.