[23-03-2012] O pasado mércores, 21 de marzo, comezaron os cursos preparatorios para a obtención dos Celga que se imparten no Concello de Ames. Nesta ocasión impártense cursos preparatorios para a obtención do Celga 1 e 4. Debido a gran cantidade de persoas que se inscribiron para os cursos de obtención do Celga, o Concello de Ames decidiu crear un terceiro grupo, ademais dos dous grupos que imparte a Xunta de Galicia. Este curso preparatorio para a obtención do Celga 1 está sendo impartido por persoal do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Realízase en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina, en horario de 9:00 h a 11:00 horas. Ademais, o curso do Celga 1 que imparte a Xunta de Galicia desenvólvense no CEP de Ventín, en horario de 20:15 h a 22:15 horas, mentres que as clases formativas para obter o Celga 4 impártense no IES de Ames, tamén en horario de 20:15 h a 22:15 horas.
Ao abeiro da convocatoria da Xunta de Galicia, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza diferentes cursos de galego co obxectivo de axudarlles ás persoas asistentes a preparar o exame para a obtención do Celga. Estes cursos son gratuítos e teñen unha duración de 70 horas. O curso preparatorios para o Celga 1 impártese no CEP de Ventín e para o Celga 4, no IES de Ames. As clases impártense de luns a xoves das 20:15 h. ás 22:15 horas. En cada un destes cursos participan un total de 30 usuarios/as.
A Xunta de Galicia concedeu cursos formativos relativos ao Celga 1 e Celga 4, pero como había máis persoas inscritas que número de prazas, o Concello de Ames asumiu un curso de formación para o Celga 1, que se imparte de luns a xoves, no Pazo da Peregrina, en horario de 9:00 h a 11:00 horas. As clases dos tres grupos comezaron o día 21 de marzo e rematarán o 31 de maio.
Os exames do Celga 4 serán o día de 2 de xuño; os do Celga 2, o 3 de xuño; os do Celga 3, o 9 de xuño e os do Celga 1, o 10 de xuño. As inscricións para realizar as probas deben efectuarse antes día 3 de abril de 2012 e os folletos de inscrición poden descargarse do DOG do 14 de xaneiro ou recollelos no Servizo de Normalización Lingüística situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
As persoas interesadas en participar nestes curso poden chamar ao Servizo de Normalización Lingüística de Ames para anotarse na lista de agarda. No momento en que quede algunha praza libre pasarán a ocupala. Para obter mais información sobre os niveis, validacións, convocatorias de formación ou de probas poden poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames a través do teléfono 981 884 991 ou do correo electrónico normalizacion@concellodeames.org




