Pestanas principais

Esta semana comezarán as obras no centro de saúde do Milladoiro para reparar a cuberta e acondicionar o interior do edificio

Luns, 29 de xuño de 2015

[29-06-2015] Esta mañá o concelleiro de Urbanismo e Obras, Blas García, acompañado da arquitecta municipal, do contratista da obra e do arquitecto técnico que executará o proxecto, visitaron o centro de saúde para ver de primeira man as obras que son necesarias executar tanto no exterior como na parte interior deste edificio. O goberno municipal incidiu na urxencia que ten comezar canto antes estes traballos. Trala reunión decidiuse que esta mesma semana darán comezo as obras para reparar a cuberta co obxectivo de eliminar as filtracións de auga e a humidade que se producen cando chove e acondicionar o interior do edificio eliminando gretas e pintando as paredes.

O centro de saúde do Milladoiro, inaugurado hai xa 25 anos, require de frecuentes actuacións de mantemento para ofrecer en cada momento o mellor servizo posible aos usuarios. Para arranxar as deficiencias que ten no pasado mes de marzo asinouse un convenio coa Consellería de Sanidade co obxectivo de arranxar a cuberta e eliminar as filtracións e a humidade que son provocadas pola auga que entra no edificio cando chove.

A pesar da sinatura deste convenio hai tres meses e que os andamios de obra están colocados na fachada do edifico hai máis dun mes, as obras de reparación aínda non comezaron. Debido a isto, esta mañá o concelleiro de Urbanismo e Obras, Blas García, e maila arquitecta municipal, reuníronse co contratista da obra e co arquitecto técnico que executará o proxecto, para incidir na urxencia que ten comezar as obras o máis axiña posible.

Cómpre lembrar que estas deficiencias xa se detectaron no inverno de 2013 polo que hai preto de dous anos que urxe executar estas obras de reparación. Os traballos, que ascenden a 45.334,10 euros, serán asumidos ao cincuenta por cento entre o Concello e o Sergas. O prazo previsto para a súa execución é de dous meses.

Solicitude de reunión coa conselleira de Sanidade
Por outra banda, hai que salientar que o goberno municipal está agardando unha resposta da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, despois de que o pasado 15 de xuño, o alcalde de Ames, José Miñones, lle enviase unha carta para manter unha reunión co obxectivo de abordar dous temas de vital importancia para a veciñanza amesá como son a construción dun novo centro de saúde no Milladoiro e a reparación urxente das deficiencias que presenta o centro de saúde de Bertamiráns.

Coa solicitude desta xuntanza déuselle cumprimento a un dos 21 puntos, que se recolleron no documento asinado por parte das forzas políticas de esquerdas, vinculados ao acordo do pleno de investidura.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Llegan las obras al centro de salud de Milladoiro"
El Correo Gallego: "Remiendos para el centro de salud de O Milladoiro a la espera del nuevo"