Pestanas principais

Esta semana comeza unha nova edición dos cursos de perfeccionamento e iniciación á calceta

Martes, 01 de outubro de 2013

[01-10-2013] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, organiza unha nova edición dos cursos de perfeccionamento e iniciación á calceta, que se desenvolverán na Casa da Cultura de Bertamiráns durante os meses de outubro, novembro e decembro. Todas as persoas que estean interesadas en participar nestes cursos de calceta, aínda están a tempo de inscribirse chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org.

Trala boa acollida que tiveron os cursos de iniciación á calceta, que se desenvolveron durante o pasado curso, o Concello de Ames decidiu organizar unha nova edición de cursos de calceta. Este ano, ademais dun curso de iniciación, impartirase un segundo curso de perfeccionamento que está dirixido ao alumnado que xa participou no curso de iniciación á calceta o pasado ano.

O curso de iniciación á calceta impartirase todos os xoves dos meses de outubro, novembro e decembro, en horario de 18:30 a 20:00 horas. Neste curso impartiranse nocións básicas sobre a arte da calceta. Por outra banda, o curso de perfeccionamento realizarase todos os mércores dos meses de outubro, novembro e decembro, en horario de 11:00 a 12:30 horas. Os dous cursos desenvolveranse na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A profesora ensinaralles a todos/as os/as participantes diferentes técnicas de calceta como a montaxe de puntos, os mingüados e aumentos, os calados, etc. Ademais, aprenderán a calcetar empregando varias cores. Ao final do curso os alumnos/as serán capaces de seguir modelos de revistas e páxinas web especializadas en calceta. Todas as persoas que asistan a esta actividade deben levar agullas do número 4 e unha madeixa de la de cor claro que se axeite as devanditas agullas.

Ofértanse un total de 40 prazas; 20 para o curso de iniciación e outras 20 para o curso de perfeccionamento. Para realizar as inscricións ou ampliar calquera outra información dos cursos de calceta poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número de teléfono 660 004 665.