[17-09-2012] Dende a Concellaría de Deportes, Tempo libre e Voluntariado xa teñen preparada a programación de actividades que se porán en marcha durante o curso 2012-2013. O mércores 19 e o xoves 20 de setembro abre o prazo de inscrición para tres actividades que organiza a Oficina de Voluntariado de Ames. O mércores 19 de setembro comeza o prazo para apuntarse na Escola de Maiores e no programa de actividades acuáticas para persoas maiores e persoas con discapacidade, Sanauga, mentres que o xoves 20 deste mes ábrese o prazo para inscribirse no seminario de amigos da viticultura. As inscricións poderanse facer na Oficina de Voluntariado de Ames chamando ao número de teléfono 662 377 044.

A Oficina de Voluntariado do Concello de Ames desenvolve ao longo de todo o ano diferentes actividades dirixidas aos veciños e veciñas da terceira idade. Esta semana comeza o prazo de inscrición para estas actividades. O mércores 19 de setembro comeza o prazo para apuntarse na Escola de Maiores e no programa Sanauga. Estas actividades están dirixidas a todas as persoas de certa idade con ganas de aprender e de desenvolver actividade física.
A Escola de Maiores de Bertamiráns e do Milladoiro vólvese por en funcionamento para ofrecer un novo curso no período 2012/2013. Moitas persoas non puideron asistir á escola cando eran cativas e non saben nin ler nin escribir, unhas capacidades moi necesarias na vida cotiá. Así, a Oficina do Voluntariado de Ames volve abrir por décimo ano consecutivo a súa escola para adultos. Nela, o alumnado poderá adquirir conceptos básicos de lectoescritura, aprenderá a sumar e a restar ou levará a cabo algunhas aprendizaxes máis avanzadas, segundo o nivel de cada un.
O obxectivo básico é dotar estas persoas de ferramentas e coñecementos mínimos que lles axuden a desenvolverse con máis facilidade. Trátase dunha escola integral, polo tanto, ademais das actividades formativas, organízanse actividades paralelas, como charlas de interese en diferentes eidos. As inscricións poderanse facer na Oficina de Voluntariado de Ames chamando ao número de teléfono 662 377 044.
Programa Sanauga
Esta actividade está dirixida a persoas da terceira idade e con discapacidade. O programa Sanauga ten a finalidade de mellorar a mobilidade e o benestar físico dos e das asistentes. Esta actividade consiste na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra. O curso vai encamiñado á mellora física das persoas participantes e o seu obxectivo principal é mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática.
Este programa desenvólvese na piscina municipal A Telleira, situada en Bertamiráns, e poden participar os veciños e veciñas amienses que se atopen por riba dos 65 anos ou que teñan algunha discapacidade. Para poder participar nesta actividade non é preciso saber nadar. O que se pretende con este tipo de exercicios é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas e sen o requirimento de saber nadar. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mobilidade de segmentos corporais, empurrar materiais, etc.
As inscricións poden realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro, os luns e os mércores das 9.00 h ás 12.00 h , e na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres. Para máis información, pódese chamar á Casa da Cultura de Bertamiráns ao 662 377 044 ou ben ao teléfono 981 535 940 da Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén se poden aclarar dúbidas poñéndose en en contacto coa Oficina de Voluntariado de Ames a través do correo electrónico voluntariado@concellodeames.org ou ben informarse a través da conta de facebook da OVA.
Curso de viticultura
A partir do xoves 20 de setembro ábrese o prazo para inscribirse no seminario de amigos da viticultura. Todos os luns, durante nove meses, os participantes, en horario de 19:00 h. a 21:00 horas, gozarán deste obradoiro teórico-práctico que ten como epicentro o viño. Na Aula de Usos Múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro, Manuel Oitavén e dous dos seus anteriores “alumnos avantaxados”, así é como el mesmo os define, impartirán os coñecementos necesarios para que os asistentes poidan perfeccionar as súas explotacións profesionais ou domésticas ou ben iniciarse no sector vinícola.
Neste curso abordaranse cuestións referidas ao mantemento dos cultivos e a saúde dos viñedos, así como, se facilitarán coñecementos vinculados coas diversas castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados para a produción e maduración do viño, as distintas formas de guiar os bacelos e, tamén, información sobre as melloras técnicas de poda que se deben aplicar.
O curso de viticultura supón unha maneira formidable de mellorar as súas explotacións vinícolas profesionais e, tamén, domésticas. Así, os seus cultivos poderán perfeccionarse e ter unha maior categoría grazas, sobre todo, a información sobre os métodos para combater as pragas e os consellos sobre as boas prácticas para unha correcta realización da poda. Para obter máis información ou inscribirte neste curso podes chamar ao número de teléfono 662 377 044.






