Pestanas principais

Esta semana chegaron a Ames os catro nenos/as saharauís que pasarán o verán coas familias amienses

Mércores, 09 de xullo de 2014

[09-07-2014] Un ano máis o Concello de Ames mantén o compromiso e a colaboración co programa Vacacións en Paz, que desenvolve a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A través deste programa catro familias amienses poden acoller durante os meses do verán a nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. Chaabbab, Fatma, Mrabih e Hafdala pasarán os meses de xullo e agosto en Ames. Este ano, unha familia acolle por primeira vez a un neno saharauí, mentres que as outras tres familias xa participaron nesta iniciativa noutras ocasións. Estes nenos/as chegaron este luns, 7 de xullo, e xa se atopan coas súas familias de verán para pasar unhas vacacións tranquilas e divertidas.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Benestar Social, colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.

O goberno municipal asinou de novo este ano un convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a través do cal durante os meses de xullo e agosto catro nenos saharauís pasarán as súas vacacións en Ames. O Concello actúa de mediador entre as familias amienses e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames. A Administración local encárgase de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada neno/a.

Chaabbab, Fatma, Mrabih e Hafdala son os nomes dos dous nenos e das dúas nenas que pasarán o verán en Ames. Os nenos/as saharauís chegaron a Galicia este luns, 7 de xullo, e volverán para as súas casas a primeira semana de setembro. Este ano, unha familia acolle por primeira vez a un neno saharauí, mentres que as outras tres familias xa participaron nesta iniciativa noutras ocasións.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, destaca “a importancia que ten este programa para que os nenos e nenas do Sáhara poidan pasar unhas vacacións tranquilas e divertidas en diferentes localidades galegas”. A edil amiense tamén explicou que “o Concello de Ames mantén o compromiso adquirido coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para que as familias amienses, que así o desexen, poidan acoller todos os anos un neno/a saharauí”.

Estes nenos e nenas naceron nos campamentos de refuxiados saharauís que existen na zona da Hamada alxeriana en Tindouf. Son fillos dos saharauís que abandonaron de xeito forzoso os seus fogares instalados no territorio do antigo Sáhara español en 1975, e sobreviven hoxe en día grazas á axuda internacional. Soportan temperaturas que superan os 50ºC durante o verán e sofren diversos déficits alimentarios e de asistencia médica.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bienvenida a los niños saharauis"