Pestanas principais

Esta mañá realizouse unha nova reunión da Xunta local de seguridade

Martes, 29 de novembro de 2016

[29-11-2016] O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá unha nova sesión da Xunta Local de Seguridade, unha xuntanza que estivo presidida polo alcalde, José Miñones, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán. Nesta xuntanza comunicouse que a Comisión de Garantías para a Videovixiancia pronunciouse favorablemente á utilización de tres dispositivos nos accesos desta área industrial. Ademais, José Miñones volveu a incidir na necesidade de dotar de máis efectivos ao Cuartel da Garda Civil do Milladoiro en base ao crecemento de poboación, á superficie que atende este Cuartel e á peculiaridade de dispor de dous núcleos urbanos. Segundo os datos da Garda Civil, as infraccións penais de 2016 mantéñense en cifras similares ás do ano pasado.

O subdelegado do Goberno na Coruña informou dos avances na autorización para a posta en servizo de cámaras de videovixiancia no polígono de Novo Milladoiro. Segundo explicou Jorge Atán, a tramitación destas cámaras está unicamente pendente da autorización final da Delegación do Goberno tras o informe favorable á súa utilización que emitiu a Comisión de Garantías para a Videovixiancia de Galicia. Esta resolución autorizará o uso de 3 cámaras que se situarán nos accesos ao polígono co obxectivo de mellorar a convivencia cidadá e a prevención de delitos relacionados coa seguridade pública. Ames é dos poucos concellos galegos aos que se lle autorizou o uso destes dispositivos.

Por outra banda, o alcalde de Ames, José Miñones, volveu a incidir na necesidade de dotar de máis efectivos ao Cuartel da Garda Civil do Milladoiro. Asemade, o rexedor municipal solicitoulle ao subdelegado do Goberno na Coruña que fagan as xestións oportunas en Madrid co obxectivo de incrementar o número de axentes en base ao crecemento poboacional que segue experimentando Ames ano a ano, á extensión de superficie que ten que atender este Cuartel, na peculiaridade de ter dous grandes núcleos de poboación como son Bertamiráns e O Milladoiro e de dispor dunha poboación cunha idade media de 38 anos.

José Miñones agradece a cobertura dos 6 postos que estaban descubertos, pero engade que “é necesario dotar de máis efectivos ao Cuartel da Garda Civil do Milladoiro polas peculiaridades da poboación do noso concello e pola grande extensión de territorio que atenden os axentes deste corpo de seguridade. Polo que todos estes condicionantes indican que este Cuartel ten que dispor de máis axentes”.

Mantemento das infraccións
A Xunta Local de Seguridade serviu para efectuar unha análise da seguridade cidadá no Concello de Ames. Así, os datos aportados pola Garda Civil constatan un mantemento das cifras de infraccións penais rexistradas ata outubro de 2016 con respecto ás do mesmo período do ano 2015. Das cifras analizadas destacan un aumento do número de denuncias por estafas a través da Internet e un descenso dos roubos en vivendas e establecementos.

Outro dos asuntos tratados foi a valoración do informe da comisión de coordinación en materia de seguridade cidadá entre a Garda Civil e a Policía Local de Ames, creada a comezos de 2014. Neste punto, a Xunta Local destacou a boa coordinación que hai entre ambos corpos a través de reunións técnicas periódicas e os contactos diarios para temas puntuais. Establecerase unha reunión entre ambos corpos de xeito trimestral para poñer temas en comúns.

Sobre estes últimos asuntos o tenente da Garda Civil do Milladoiro, Jesús Ramón Viaño, explicou que “as cifras de infraccións penais rexistradas durante este ano son moi similares aos de exercicios pasados, polo que seguen sendo baixas tendo en conta ás que se rexistran noutros concellos galegos”. O subdelegado de Goberno e Miñones coincidiron en destacar “o bo traballo de coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil o que favorece que as cifras de infracción se manteñan e non se incrementen”.

Esta reunión tamén contou coa asistencia da vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno en Galicia, Eva Vázquez; do tenente, comandante do Posto da Garda Civil do Milladoiro, Jesús Ramón Viaño; do xefe adxunto da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Xunta de Galicia, José Bouzada; do capitán da Garda Civil de Santiago de Compostela, Luís Nicolás Arroyo; do inspector e do oficial da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez e Maximino García, así como do concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, que comprende a área de Tráfico, Blas García.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El polígono Novo Milladoiro tendrá videovigilancia para prevenir delitos"