[03-07-2015] O campo municipal de Bertamiráns acolleu desde o 22 de xuño ata o 3 de xullo o IV campus de fútbol 8 Bertamiráns FC. Este evento estivo dirixido aos nenos e nenas de 6 a 14 anos, correspondentes ás categorías de prebenxamín, benxamín, alevín e infantil. Os rapaces e rapazas participaron en diversas accións formativas e de lecer durante estas dúas semanas. No acto de clausura deste campus estiveron presentes o alcalde de Ames, José Miñones, e o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño.
Na última xornada do campus os rapaces e rapazas levaron a cabo distintas competicións sobre todos os principios técnicos que desenvolveron os días previos: condución, control, pase e caneos. A media mañá tocou gozar da piscina, para combater as altas temperaturas, e tras repor forzas co pícnic das 12:30, continuouse avanzando neste IV campus, dando paso ao aspecto táctico, onde as competicións foron sobre desmarques, entradas e marcaxes .
Tras os ensinos técnicos tocou poñer en práctica o aprendido durante a mañá mediante distintas competicións referenciadas nos principios técnicos anteriormente desenvolvidos: os caneos e as conducións. Deste xeito, púxose o colofón a esta quinta e última xornada da segunda semana do IV campus de fútbol 8, que organiza o Bertamiráns FC.
Cómpre salientar que durante estas dúas semanas pasaron por este campus xogadores profesionais como Fernando Seoane (CD Lugo), Pedro Mosquera (Elxe CF) e Pablo Insua (RC Deportivo), que lle ensinaron aos rapaces e rapazas diversos aspectos técnicos e tácticos do xogo. Ademais, responderon ás preguntas e curiosidades dos nenos e nenas.





