[07-07-2015] Un ano máis o Concello de Ames mantén o compromiso e a colaboración co programa Vacacións en Paz, que desenvolve a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A través deste programa dúas familias amesás poden acoller durante os meses do verán a nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. Chaabbab e Mrabih pasarán os meses de xullo e agosto en Ames. Estas dúas familias xa participaron nesta iniciativa noutras ocasións. Estes nenos/as chegaron este martes, 7 de xullo, e xa se atopan coas súas familias de verán para pasar unhas vacacións tranquilas e divertidas.
O Concello de Ames, a través da concellaría de Benestar social, colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes nenos/as, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.
O goberno municipal asinou de novo este ano un convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a través do cal durante os meses de xullo e agosto unha nena e un neno saharauí pasarán as súas vacacións en Ames. O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames. A Administración local encárgase de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada rapaz/a que ascende a contía de 890 euros por neno/a.
Chaabbab e Mrabih son os nomes do neno e da nena que pasarán o verán en Ames. Para Chaabbab é o terceiro ano que participa nesta iniciativa cunha familia amesá, mentres que para Mrabih é a segunda ocasión que estará cunha familia de Ames. Os nenos/as saharauís chegaron a Galicia este martes, 7 de xullo, e volverán para as súas casas a primeira semana de setembro. Estas dúas familias xa participaron nesta iniciativa noutras ocasións.
A concelleira de Benestar social, Luísa Feijóo, explica que “estes nenos/as xa están coas súas familias de acollida. Chegaron cansos da viaxe, pero moi ledos porque volven a Ames para pasar a época de verán”. A edila de Benestar Social tamén destaca “a importancia deste programa para que os nenos e nenas do Sáhara poidan pasar unhas vacacións tranquilas e divertidas en diferentes localidades galegas”.