[24-05-2013] Esta fin de semana os veciños e veciñas da parroquia de Piñeiro celebran as festas na honra da virxe das Flores. Por outra banda, na parroquia de Agrón celébrase a festa na honra da virxe do Socorro, na que haberá unha misa solemne ás 13:00 horas e celebráranse varias comunións. Nestas festas haberá música para bailar e divertirse, así como actos relixiosos. Ademais, o domingo ás 19:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá unha nova sesión de baile para maiores, que estará amenizada polo Grupo D´Cine.
Os días 25 e 26 de maio celébranse na parroquia de Piñeiro as festas na honra á Virxe das Flores, unha festividade que se organiza cada ano nesta localidade amiense. Serán unhas festas onde haberá música para bailar e divertirse, así como actos relixiosos. As celebracións comezan este sábado, 25 de maio, cunha verbena pola noite na que actuarán o Grupo D´Moda e a discoteca móbil Danubio. As festas na honra á Virxe das Flores de Piñeiro continuarán o domingo cunha misa solemne, que comezará ás 13:30 horas, e que estará cantada polo coro de Piñeiro. Tras os actos relixiosos, a festa continuará cunha actuación do Dúo Nueva Estrella, que amenizará a sesión vermú.
Mentres tanto, na parroquia de Agrón a festa terá lugar o domingo 26 de maio, na honra da Virxe do Socorro. Nesta xornada, está previsto que se celebre unha misa solemne, ás 13:00 horas, na que haberá varias comunións. A misa estará cantada pola Coral de Bugallido.
Sesión de baile para maiores
Por outra banda, o domingo 26 de maio a partir das 19:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolle unha nova sesión de baile para maiores, que estará amenizada polo Grupo D´Cine. A música en directo e a posibilidade de pasar unha tarde entretida son os principais reclamos desta actividade na que ademais os participantes coñecen a outras persoas nun ambiente festivo e distendido.
Esta actividade organízase co obxectivo de que sexa un espazo de encontro e de lecer no que os veciños e veciñas maiores, e os non tan maiores, ademais de bailar, se relacionen cos amigos e coñecidos e establezan amizades novas. Compre salientar que os participantes nos bailes son os principais protagonistas desta actividade e deben traer da casa moita enerxía e gañas de pasalo ben para que esta sesión de baile se converta nun éxito persoal e colectivo.




