[28-06-2012] O programa Cultura de Bar chega ao seu fin cun balance moi positivo. Ata o de agora as dez actuacións que se realizaron nos locais hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro tiveron moi boa acollida entre a veciñanza amiense, que gozaron destes espectáculos mentres tomaban un refresco ou un viño. Esta fin de semana remata este programa de dinamización da hostalería. O venres 29 estarán en Bertamiráns, Miguel Alonso e Paul Black, mentres que no Milladoiro actuarán o grupo Duodeno e o Mago Romarís. Ademais, Paul Black estará o sábado 30 nos locais O Pilón e Manhattan do Milladoiro para ofrecer a actuación que se suspendeu pola choiva o pasado venres 15 de xuño. Haberá sorteo de agasallos nos locais que acollen estas actuacións. Ademais, repartiranse varios exemplares dos libros que recollen os traballos gañadores do Certame Literario do Concello de Ames.
O programa Cultura de Bar remata esta fin de semana a súa primeira etapa tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. En Bertamiráns o programa de actuacións comeza o venres 29 de xuño, ás 21:30 h, na cafetería A Charca coa actuación do cantautor en galego Miguel Alonso. Nesta mesma localidade, ás 22:30 h, no Meigas estará o músico irlandés Paul Black. Por outra banda, no Milladoiro, ás 21:30 h actuará o grupo Duodeno no Babia Café, mentres que ás 22:30 h o mago Romarís achegará o seu espectáculo de maxia ata o bar Premium.
O sábado 30 de xuño, a partir das 21:30 horas, o músico irlandés Paul Black pechará esta primeira etapa do programa Cultura de Bar nos locais O Pilón e Manhattan, ambos situados preto do Cuartel da Garda Civil do Milladoiro. Esta actuación tivo que ser suspendida o pasado día 15 de xuño pola choiva, xa que o reducido tamaño destes locais obriga a que a actuación teña que realizarse ao aire libre.
A Concellaría de Promoción Económica conta co apoio económico da Deputación da Coruña para o desenvolvemento deste programa de dinamización da hostalería de Ames. Para pechar a primeira edición deste programa e como sinal de agradecemento a veciñanza amiense pola súa participación nos espectáculos programados, o concello vai sortear varias camisetas co logotipo de Cultura de Bar. Este sorteo realizarase nos locais que acollen actuacións durante esta fin de semana.
Ademais, repartiranse varios exemplares dos libros que recollen os traballos gañadores do Certame Literario do Concello de Ames. Este libro está editado polo concello de Ames en colaboración coa Fundación Feiraco. Trátase dunha recompilación dos traballos gañadores (narrativa e poesía) nas últimas edicións deste certame literario, que todos os anos organiza o servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura. Estes libros repartiranse en todos os locais que participaron neste programa.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames despide el exitoso programa Cultura de Bar"
El Correo Gallego: "Esta fin de semana remata a primeira edición do programa Cultura de Bar"




