[19-02-2011] "Esta fin de semana seguro que chove, mellor quedar na casa" pensarán algúns. Mal! Esa non é a forma de afrontar unha fin de semana en Ames na que están previstas, e non se anularán nin caendo chuzos de punta, unha actividade de paintball, os xa tradicionais bailes de salón para os maiores e unha obra de teatro. A obra infantil "Carlota e Marieta dan a volta ao planeta" será representada o domingo na Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra, da compañía Loca-Motora Teatro, está especialmente indicada para nenos e nenas entre 5 e 12 anos e está protagonizada polas actrices Eva Vila e Cecilia Meléndrez. A peza inspírase na popular obra "A volta ao mundo en 80 días" do escritor francés Xulio Verne.
Esta fin de semana comeza con forza: guerra de guerrillas nas que todos saen ilesos pero cheos de pintura. E é que todos os maiores de 14 anos que se inscribiron entre o 1 e o 15 deste mes ata esgotar as prazas poderán gozar este sábado dunha actividade que require lixeireza física, agudeza mental e moitas ganas de pasalo ben cun rifle que dispara bolas de pintura: o paintball.
Este deporte, un dos máis solicitados polos mozos e mozas, require unha boa capacidade para o deseño de estratexias e unha boa forma física dos xogadores, pois do que se trata é de que, unha vez formados dous equipos, estes deberán competir pola vitoria eliminando aos integrantes do grupo rival por medio dunha marcadora de gas que dispara bolas de silicona biodegradables que deixan marcadas as roupaxes do "inimigo" e o apartan do xogo. Esta actividade está organizada pola OMIX no eido do súa programación lúdico-deportiva e terá lugar nun espazo aberto de Bertamiráns acondicionado para a ocasión.
Teatro infantil
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o próximo domingo a representación da obra de teatro infantil "Carlota e Marieta dan a volta ao planeta", da compañía Loca-Motora Teatro. A obra, protagonizada polas actrices Eva Vila e Cecilia Meléndrez, amosa dúas personaxes que atopan unha caixa misteriosa que di: "Quen abra esta caixa terá que dar a volta ao mundo en 80 días, nin un día máis...que farías ti?" A partir desa premisa a peza propón ao espectador unha montaxe de teatro infantil de pequeno formato que se recrea na ilusión de viaxar, de coñecer outras terras, culturas e xentes diferentes, inspirada na popular novela "A volta ao mundo en 80 días" do escritor francés Jules Verne. A obra mestura a imaxinación e a fantasía co humor e a aventura, sen esquecer a musicalidade, a xestualidade e a participación do público.
A actriz Eva Vila licenciouse en Arte Dramático pola Real Escola Superior de Arte Dramático de Madrid, e conta cunha ampla experiencia teatral con nenos e traballos en múltiples compañías. Cecilia Meléndrez formouse na compostelá Escola Espacio Aberto e traballou en varias compañías galegas, espectáculos de rúa e máscara e contacontos. En 2002 ambas as dúas actrices crearon a compañía de teatro infantil A Loca-Motora, nome da súa primeira montaxe conxunta.
A obra "Carlota e Marieta dan a volta ao planeta" representarase ás 17:00 horas. Ten unha duración de 65 minutos e está especialmente indicada para nenos e nenas entre os 5 e os 12 anos. O venres 25 volverá o teatro a Ames cunha proposta máis adulta, a obra "A nona" de Teatro do Morcego.
Bailes de salón
E como xa ven sendo tradición, o domingo a partir das sete da tarde na Casa da Cultura de Bertamiráns os maiores que o desexen poderán divertirse bailando ao son da música do dúo Eva e Camilo.
Deste xeito, xa pode nevar, que non teñen escusa para deixar de divertirse nestes dous días de lecer.




