[31-07-2014] Ames preparase para celebrar tres festas nesta fin de semana na localidade do Milladoiro, así como nas parroquias de Tapia e Covas. No Milladoiro, a programación de festexos inclúe actos relixiosos, competicións deportivas e moita música e animación. Os actos centrais das festas da Madalena celebraranse os días 1, 2, 3 e 4 de agosto. Pola súa banda, a parroquia de Covas festexará o Santo Estevo con varias misas os días 1, 2 e 3 de agosto. Por último, a parroquia de Tapia honrará con varios actos litúrxicos ao San Roque e ao Sacramento este sábado e domingo.
Os actos centrais das festa da Madalena celebraranse os días 1, 2, 3 e 4 de agosto. O venres, 1 de agosto, ás 10:00 horas, comezarán os festexos co disparo das bombas regulamentarias. Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas, abrirán as atraccións de feira para os nenos e nenas. Posteriormente, ás 20:00 horas, comezarán as actuacións no Centro Comercial Novo Milladoiro co mago O Gran Pedrini. De seguido, ás 21:00 horas, na terraza da Cafetería Central actuará, Aixa Romay, finalista do programa de televisión Ti si que vales. Pola noite, a partir das 24:00 horas, haberá unha actuación da Discoteca móbil Alcalá con DJ Charlie de Radio líder. Esta actuación terá lugar na Travesía da Moa (Bar Pilón e Cafetería Manhattan).
O sábado 2 de agosto, ás 10:00 horas, procederase ao disparo das correspondentes bombas de palenque que anunciarán as vésperas do día grande das festas. Xa pola tarde, ás 19:00 horas, no campo de fútbol municipal do Milladoiro disputarase un torneo triangular de fútbol entre a Peña Celtista do Milladoiro, a Peña Madridista de Ames e a Peña Deportivista Expreso. O sábado a verbena comezará ás 22:00 h coa actuación dunha disco móbil e da orquestra Traffic. A partir das 23:00 h está previsto que comece a actuación dunha das mellores orquestras de España, Súper Hollywood.
Día central das festas da Madalena
O gran día das festas do Milladoiro será o domingo 3 de agosto. Durante a media noite do domingo dispararanse as 21 bombas de palenque regulamentarias coas que se dará inicio aos actos festivos desta xornada. A partir das 12:30 horas, realizarase a procesión da Madalena. Este ano o alcalde de Ames, Santiago Amor, exercendo como cofrade levará o estandarte en dita procesión. Media hora máis tarde, ás 13:00 h, celebrarase unha misa solemne. Tralos actos relixiosos, ás 14:00 horas, haberá sesión vermú no campo da festa a cargo da orquestra Óbice Capital.
Xa pola noite, ás 22:00, a discoteca móbil MXP realizará unha actuación no campo da festa. A esta mesma hora, pero na praza de Manuel Murguía, actuarán Kalu Méndez e Alma Beatriz. De seguido, será a quenda da Banda de Nash, coa que recordaremos vellos temas. Posteriormente, ás 23:30 horas, a escola El TomaSon realizará unha exhibición de bailes de salón (salsa, cumbia, bachata, merengue e zouk). E para rematar a xornada central das festas da Madalena, este ano por primeira vez, na praza da capela da Madalena realizarase a queima da fachada e haberá fogos artificiais.
O último día das festas será o luns, 4 de agosto, que comezará co lanzamento das correspondentes bombas de palenque. Ás 18:00 horas haberá un pasarrúas a cargo da agrupación Os Bertolini de Manzaneda (Ourense). Despois, ás 20:00 horas, Peter Punk presentará o seu último espectáculo na praza de Entrerrúas, situada entre as rúas Agro do Medio e Agro da Madalena. Ás 21:00 h haberá misa na capela da Madalena e ás 21:30 a imaxe da Virxe da Madalena volverá ao seu lugar de orixe na rúa Viorneira. As festas rematarán cunha gran verbena, que comezará ás 22:00 horas, a cargo das orquestra Poceiro e Player´s.
Festas nas parroquias de Tapia e de Covas
En Tapia, as festas comezarán o sábado, 2 de agosto, cunha misa solemne ás 12:30 horas na honra a San Roque. Na xornada do domingo, 3 de agosto, a misa solemne será ás 13:00 horas na honra ao Sacramento. Pola súa banda, a parroquia de Covas festexará o Santo Estevo con varias misas os días 1, 2 e 3 de agosto.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Milladoiro arde por la Madalena"
La Voz de Galicia: "Milladoiro celebra su fiesta con quema de la fachada de la Madalena"
La Voz de Galicia: "Festejos en Milladoiro, Tapia y Covas"




