[04-06-2015] Este domingo, 7 de xuño, ás 19:00 horas, dispútase a final do XXXIV Trofeo de fútbol Concello de Ames 2015. A final xogarase no campo municipal de Bertamiráns entre o Biduído SR e o Bertamiráns FC. Ademais, o sábado, 6 de xuño, o campo municipal do Milladoiro acolle o torneo de cadetes Centro Dental Macía no que competirán seis equipos repartidos en dous grupos.

Como cada ano, antes de finalizar a tempada, o Concello de Ames, en colaboración cos clubs de fútbol federados do concello, organizaron o Trofeo de Fútbol Concello de Ames. Este campionato xa está consolidado no municipio amesá posto que xa se levan disputadas trinta e catro edicións. Neste torneo participan todos os equipos federados de Ames.
En total foron cinco os equipos que participaron este ano nesta competición. Os equipos do Biduído SR, Ortoño CF, Agrón FC e Bugallido FC xogaron unha fase de grupos para determinar tres dos semifinalistas. O Bertamiráns FC xa entrou directamente á seguinte fase do torneo. Deste xeito, en semifinais enfrontáronse o Biduído SR contra o Agrón CF e o Bertamiráns FC contra o Ortoño CF, clasificándose para a gran final o Biduído SR e o Bertamiráns FC.
Trofeo de cadetes Centro Dental Macía
Por outra banda, este sábado 6 de xuño, dispútase un trofeo de fútbol de cadetes no campo municipal do Milladoiro. Neste campionato participarán os equipos do Negreira, Calo, Milladoiro, Trazo, Compostela B e Silleda. Este seis equipos estarán divididos en dous grupos de tres equipos cada un.
A fase de grupos disputarase dende as 10:00 ata as 14:00 horas. Xa pola tarde xogaranse as dúas semifinais, a final de consolidación e a gran final do torneo. A entrega de trofeos será arredor das 19:15 horas. Este trofeo está organizado polo Milladoiro SD, o Concello de Ames e o Centro Dental Macía.




