[21-03-2016] Durante a fin de semana tiveron lugar as primeiras sesións do curso de Monitor de Tempo Libre, organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ames. A concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, acudiu o sábado 19 de marzo ao Centro de Formación de Aldea Nova, para falar cos rapaces e rapazas participantes.
No curso, impartido por formadores da Escola Rural de Tempo Libre, inscribíronse 22 alumnos e alumnas. Ao longo de 200 horas de formación teórico-práctica adquirirán coñecementos relacionados con ámbitos como a animación deportiva, o xogo, a psicoloxía, a educación ambiental, lexislación ou recursos socioculturais. Despois do curso o alumnado realizará 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre supervisadas por un titor.
Silvia Dapena agradeceu aos mozos e mozas a súa participación, "anímovos a aproveitar ben a formación deste curso, xa que vos pode abrir moitas portas laborais no ámbito do tempo de lecer". O curso rematará o domingo, 15 de maio, despois de 20 xornadas de 10 horas cada unha. Este tipo de cursos buscan aumentar a formación, sobre todo, da xente nova, abríndolles novas portas do mercado laboral. O curso de monitor de tempo libre trata de capacitar ao alumnado para a organización de actividades para o tempo libre ou socioculturais, orientadas á infancia, á mocidade, aos maiores ou a persoas con necesidades especiais
Contido relacionado
El Correo Gallego:"Aldea Nova acogerá hasta mayo un curso para los monitores de tiempo libre




