Pestanas principais

Esta fin de semana continúa a programación de cine de Nadal coa proxección do Apóstolo, Enrugas e Pinocchio 3000

Xoves, 27 de decembro de 2012

[27-12-2012] O Concello de Ames deseñou unha ampla e variada programación cultural e deportiva de Nadal que inclúe tamén a proxección de varios filmes de grande calidade entre os que se atopan O Apóstolo, Enrugas, Pinocchio 3000 e O Bosque Animado. Este venres, 28 de decembro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a proxección da película Enrugas e Pinocchio 3000, mentres que o sábado, 29 de decembro, proxectarase O Apóstolo na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para o mércores 2 de xaneiro queda o filme O Bosque Animado, que se proxectará ás 17:00 hora na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A programación de Nadal de Ames deseñada pola Concellaría de Cultura inclúe a proxección de varios filmes que están dirixidos ao público infantil e adulto. O filme estrela que se está proxectando dentro desta programación é O Apóstolo, que xa se puido ver o pasado sábado, 22 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro. A esta proxección asistiron preto dun centenar de persoas. Esta película volverase a proxectar durante esta fin de semana, pero esta vez en Bertamiráns. Será o sábado 29, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O prezo das entradas será de 2 euros para os maiores de 18 anos e de 1 euro para os menores desa idade. As entradas para asistir a esta proxección poderán comprarse unha hora antes do inicio.

O filme, dirixido polo compostelán Fernando Cortizo, é a primeira película de animación europea realizada coa técnica stop-motion estereoscópica. A realización deste proxecto levou catro anos de traballo e contou coa participación de Philip Glass na composición da banda sonora e de máis de cen técnicos internacionais que traballaron en películas como La Novia Cadáver ou Coraline e que contou coa intervención de actores consagrados como Geraldine Chaplin, Jorge Sanz, Paul Naschy ou Luís Tosar.

Enrugas achegaranos dun xeito entretido, sensible e conmovedor ao mal do Alzhéimer
Por outra banda, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, ás 21:00 horas, a proxección do filme de animación Enrugas, que está dirixido por Ignacio Ferrera e producido por Perro Verde Films. A amizade entre dous anciáns ingresados nun xeriátrico vese ameazada pola sombra da doenza do Alzhéimer. Emilio, antigo empregado de banca, é internado pola súa familia nun xeriátrico. A súa memoria comeza a borrarse por moito que tente, coa axuda dos seus compañeiros, contrarrestar os efectos da enfermidade. Enrugas conta con precisión, dende unha ollada intimista non exenta de dureza, unha batalla contra a vellez, ata que as súas páxinas se volven completamente brancas.

Trátase dunha longametraxe de animación para adultos, baseada no cómic homónimo de Paco Roca (Premio Nacional de Cómic 2008). Esta película conta cun longo historial de recoñecementos nacionais e internacionais, entre os que destacan dous premios Goya en 2012, como mellor película de animación e como mellor guión adaptado e a nominación aos Premios do Cine Europeo na categoría de mellor filme animado. As entradas para asistir a esta proxección serán de balde.

Cine infantil: Pinocho 3000 e O Bosque Animado
Este venres tamén haberá cine infantil na Casa da Cultura do Milladoiro. A partir das 17:00 horas proxectarase o filme Pinocho 3000. Esta película está ambientada no ano 3000. Gepetto é un xenial inventor da cidade de Scamboville que crea a Pinocho: un pequeno robot coa personalidade dun neno de carne e óso. Pinocho, alegre, imaxinativo, curioso, pero tamén testán e inocente, está disposto a calquera cousa para conseguir o seu soño: converterse en un neno de verdade. O pequeno robot, é para o vello e entrañable Gepetto, moito máis que unha criatura creada por el, é case o fillo que nunca tivo. As entradas para asistir a esta proxección serán de balde.

O cine infantil continuará a vindeira semana, o mércores 2 de xaneiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa proxección do filme O Bosque Animado. A partir das 17:00 horas proxectarse esta película, que se estreou en 2001 e que foi un grande éxito do audiovisual galego no campo da animación. Foi a primeira película de animación 3-D realizada en Europa. Está baseada na novela do mesmo nome de Wenceslao Fernández Flores. Este filme está producido por Dygra Films e dirixida por Ángel de la Cruz e Manolo Gómez. A película foi candidata á mellor película de animación e mellor canción orixinal nos Premios Goya 2002 e recibiu numerosos premios. As entradas para asistir a esta proxección serán de balde.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Continúa en Ames el cine de Nadal con las proyecciones de Apóstolo, Enrugas e Pinocchio 3000"
El Correo Gallego: "Esta fin de semana continúa a programación de cine de Nadal coa proxección do Apóstolo, Enrugas e Pinocchio 3000"