Pestanas principais

Esta fin de semana comezan os curso de fruticultura e de usos tradicionais das plantas silvestres

Xoves, 02 de marzo de 2017

[02-03-2017] A Aula da Natureza de Ames pon en marcha dous novos cursos que se enmarcan dentro da programación de primavera. Durante os meses de marzo, abril e maio impartiranse un curso de fruticultura, que está dividido en cinco sesións, e outro de usos tradicionais das nosas plantas silvestres. Ademais, para afondar na fruticultura, o día 13 de maio, realizarase unha saída a un viveiro e a unha plantación froiteira para afondar no coñecemento das árbores froiteiras. As persoas que queiran solicitar máis información, ou inscribirse nalgunha destas actividades, pode chamar ao número 660004665 ou enviar un corro electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal

Para este mes de marzo a Aula da Natureza organizou un curso sobre os usos tradicionais das nosas plantas silvestres. Esta actividade, desenvolverase en dúas xornadas: os sábados 4 e 25 de marzo. Na sesión deste sábado, 4 de marzo, realizarase unha saída de campo para recoller diferentes plantas que teñen un uso terapéutico, que se empregan para elaborar produtos de beleza, etc. Dita saída realizarase pola mañá, entre as 10:00 e as 14:00 horas. Xa pola tarde, de 16:30 a 20:00 horas farase a preparación dos macerados. As plantas recollidas deixaranse a macerar con alcol ou aceite, entre outros produtos.

A segunda xornada deste obradoiro, que se desenvolverá o 25 de marzo, dedicarase a elaboración e preparación de diferentes produtos empregando as plantas recollidas previamente. Así, preparase protector labial de cacao e karité; xabóns de estruga, lavanda, mel... Deste xeito, os participantes nestas xornadas irán vendo o proceso integro de preparación destes produtos (recolleita das plantas, macerado e elaboración). Para este obradoiro, que está dirixido a persoas que teñan de 16 anos en diante, ofértanse 20 prazas.

Por outra banda, vaise a impartir un curso de fruticultura, que estará dividido en cinco xornadas (5, 12, 19 de marzo - 2 e 30 de abril). A parte teórica do curso impartirase na Aula da Natureza, desprazándose as leccións ás fincas, escollidas polas especies que acollen, para levar a cabo as prácticas. As sesións incluirán os criterios para a escolla de especies a plantar, a confección dun calendario de traballos, leccións sobre fertilidade, análise do solo ou tipos de poda en función da especie.

Abordaranse así mesmo as pragas e enfermidades que poden sufrir as distintas especies, os tratamentos de inverno ou a elaboración de produtos fitosanitarios a partir de ingredientes vexetais. Ademais, para afondar na fruticultura, o día 13 de maio, realizarase unha saída a un viveiro e a unha plantación froiteira para afondar no coñecemento das árbores froiteiras. Este obradoiro está dirixido a persoas adultas interesadas nesta materia. Ao igual que no caso anterior, ofértanse 20 prazas.