Pestanas principais

Esta fin de semana comeza a programación cultural de outono coa VIII Mostra de Teatro Afeccionado

Xoves, 03 de outubro de 2013

[03-10-2013] Este venres, 4 de outubro, comeza a programación cultural de outono coa primeira obra de teatro, que se enmarca dentro da VIII Mostra de Teatro Afeccionado, e co espectáculo infantil de música e maxia en directo “Martín Camiña: corcheas, semifusas e ilusións”. O Concello de Ames preparou unha ampla programación cultural e deportiva que inclúe unhas 40 actividades para todos os públicos. Na VIII Mostra de Teatro Afeccionado participarán catro grupos de teatro dos municipios de Ames, Vedra, Negreira e Muros, que contarán cos auditorios das Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro para poder desenvolver as súas representacións.

A compañía Andaravía teatro abre este venres, 4 de outubro, a VIII Mostra de Teatro Afeccionado do Concello de Ames. Os integrantes do grupo municipal de teatro de Vedra interpretarán a peza teatral 'A República de Gundián'. Esta obra de teatro recrea unha situación vivida no ano 2031, centenario da Segunda República Española, nunha aldea situada nun recuncho do río Ulla. Os veciños/as desta aldea desafían ao estado español cun ultimato radical: ou soberanía fiscal ou independencia. A cita teatral terá lugar este venres, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta obra está recomendada para maiores de 12 anos e ten unha duración aproximada de 100 minutos.

O venres, 11 de outubro, será a quenda da Escola Municipal de Teatro de Negreira. A partir das 21:00 horas, interpretarán na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra 'Nun tren', que está escrita e dirixida por Sandra Lesta. 'Nun tren' son historias de reencontros e desencontros, de amor, odio, comedia e traxicomedia. Historias de persoas dentro da historia do mundo co escenario dun tren como motor e testemuña.

A mostra de teatro continuará o venres 18 de outubro no Milladoiro. O grupo Aquelando Teatro de Muros amosará ao público amiense a súa obra 'Integral'. A función terá lugar ás 21:00 horas. 'Integral' é o último texto teatral de Roberto Vidal Bolaño, escrito a petición da Escola de Teatro do Padroado de Cultura de Narón quen o levou por primeira vez a escena. Nesta obra de teatro están algunhas das constantes teatrais de RVB; a querencia polos personaxes marxinais e derrotados, un realismo cru e directo, a presenza dun humor retranqueiro e filosófico, a fantasía, o soño e a ilusión por un mundo mellor. 'Integral' amosa que a vida está chea de teatralidade e que acotío se usa para sobrevivir dignamente.

Grupo municipal de teatro de Ames 
Para rematar a mostra, o venres 25 de outubro, chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns o grupo municipal de teatro de Ames coa súa última produción 'Véndese'. A actuación terá lugar a partir das 21:00 horas. 'Véndese' é unha adaptación feita por Mónica Camaño do texto 'Segunda mano' de Dulce Chacón, unha das súas achegas teatrais alén da novela e da poesía. Nesta obra de teatro asistimos a un percorrido de homes e mulleres na procura de felicidades que poidan ser compradas e vendidas, un abano de vontades que insisten na solución mercantilista como resposta a un fatalismo adobiado de absurda ironía. 

Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O vestiario e a escenografía correu a cargo dos propios actores e o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as cinco últimas montaxes do grupo. O elenco artístico está composto por Pablo de Prado, Maica Couto, Carmela Pardal, Emilia Mayo, Pilara Gómez, Pablo Nimo, Tati Duro, Carlos Labraña, Patricia Quintiá e Paz Romai.

Maxia e música en directo 
Esta fin de semana tamén comeza a programación de actividades dirixidas ao público infantil. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres 4 de outubro, ás 18:30 horas, o espectáculo de música e maxia en directo denominado 'Martín Camiña: corcheas, semifusas e ilusións'. Esta actuación está dirixida a un público familiar. A reserva de entradas para este espectáculo pódese realizar ata ás 14:00 horas do venres 4 de outubro. As reservas pódense facer a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné.