[07-06-2018] Esta fin de semana celebrarase no Pavillón Municipal de Bertamiráns, a segunda fase da categoría rexional e das probas de acceso do Campionato Galego de Patinaxe Artística. Organizada polo Club de Patinaxe Sarela, a competición conta coa colaboración do Concello de Ames, da Federación Galega de Patinaxe e da Deputación da Coruña, así como co apoio dos seus patrocinadores Amesport, Tropic Burguer e Centro de Saúde Dental Rueiro.
Nesta competición participarán 30 clubs de patinaxe artística de toda Galicia, que estarán representados por 124 patinadoras e patinadores das categorías alevín, infantil, cadete e absoluta. A competición comezará o sábado, ás 09:00 horas, cos adestramentos das rapazas e rapaces que participarán nas probas de acceso á categoría nacional. A competición continuará ata as 14:00 horas, volvendo a retomarse ás 16:00 horas. Xa o domingo, ás 9:30 horas, terá lugar unha nova xornada de competición coas patinadoras e patinadores da categoría alevín. A xornada rematará ás 14:00 horas coa entrega de trofeos.
Todo o público interesado poderá gozar desta competición que organiza o Club de Patinaxe Sarela, xa que a entrada ao evento é de balde. Toda a información relativa ao evento pódese atopar no perfil de Facebook deste club de patinaxe.




