Pestanas principais

Esta fin de semana celébrase o VI Festival de Maxia Ames Máxico

Venres, 16 de decembro de 2011

[16-12-2011] As rúas e as prazas de Bertamiráns e do Milladoiro acollen durante o sábado 17 e o domingo 18 de decembro un festival de maxia que está dirixido a todos os públicos. Esta actividade organizada pola concellaría de Cultura, Educación e Patrimonio intenta achegar á cidadanía amiense o espectacular mundo dos magos. Cinco ilusionistas intentarán sorprender a todos os amienses e amiensas con diferentes trucos e obradoiros de maxia. As actividades desenvolveranse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como no Mago Móbil (un camión no que os magos realizarán diferentes trucos e espectáculos), que estará estacionado na praza de Chavián e no aparcadoiro que está diante do pavillón polideportivo do Milladoiro.

Festival de maxia

A actividade estrela será ás 18:00 horas nos auditorios das casas da cultura dos dous núcleos, coa celebración do espectáculo "15 ilusións para unha noite", que correrá a cargo do mago Martín Varela. Este espectáculo está dirixido a todos os públicos. Para asistir haberá que marcar unha entrada nas Casas da Cultura de Bertamiráns ou do Milladoiro, dende o luns 12 ata o venres 16 decembro, en horario de 9:00 h a 14:00 horas e de 17:00 h a 22:00 horas. Tamén se poden mercar o sábado 17 de decembro (en Bertamiráns) ou o domingo 18 (no Milladoiro) en horario de 17:00 h a 18:00 horas.

O prezo das entradas e de 2 euros para o público en xeral, mentres que os menores de 12 anos, estudantes e maiores de 65 anos tan só terán que pagar un euro. O aforo dos auditorios é limitado. No auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns hai 216 butacas, mentres que no do Milladoiro existen de 150 butacas.


Un ano máis o Concello de Ames organiza unha nova edición do Festival de Maxia que se desenvolverá durante os días 17 e 18 de decembro nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, respectivamente. Nesta edición serán cinco os magos que creen ilusión nos amienses. Obradoiros, espectáculos de maxia na rúa e o espectáculo do mago Marín Varela "15 ilusións para unha noite" compoñen o programa deste ano.

A programación de actividades do festival comezará o 17 de decembro en Bertamiráns e repetiranse o 18 no Milladoiro. Os dous días entre ás 11:00 h e as 12:00 horas haberá un obradoiro de maxia que impartirán os magos Cali e Kiko Pastur. Estes dous ilusionistas achegaranlle os segredos da maxia aos rapaces e rapazas de 8 a 14 anos. Para participar nesta actividade é preciso estar inscrito. Todos os nenos e nenas deben chamar ao número de teléfono 981 535 940 ata o 16 de decembro, en horario de 9:00 h. a 15:00 horas. Para este obradoiro ofértanse un total de 50 prazas (25 para Bertamiráns e 25 para O Milladoiro). Ambos os dous obradoiros desenvolveranse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Despois deste obradoiro os espectáculos de maxia continuarán, pero esta vez desenvolveranse na rúa. Este espectáculo, que se realizará entre as 12:30 h e as 13:30 horas, está pensado para que as persoas de todas as idades poidan asistir. Para evitar que a choiva impida a realización do espectáculo, os magos Cali, Kiko Pastur, Gran Pedrini e o Mago da Boina actuarán no Mago Móbil (un camión no que os magos realizarán diferentes trucos e espectáculos), que estará estacionado na praza de Chavián e no aparcadoiro que está diante do pavillón polideportivo do Milladoiro.