[05-07-2012] O domingo 8 de xullo celébrase en Ortoño a oitava edición da Festa do Chourizo ao Viño e a primeira edición da degustación da orella de porco cocida. Esta celebración consolídase, ano tras ano, como referente gastronómico da comarca. A Asociación Gastronómica Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño organiza un ano máis esta festividade onde o padal degusta un bocado propio de deuses. O Concello de Ames colabora coa agrupación organizadora para facer deste acontecemento un día de ledicia gastronómica e divertimento para todos os públicos. Haberá carpa por se o tempo non acompaña.
A festividade dará comezo ás 12:15 horas da mañá coa celebración dunha misa cantada pola Coral Polifónica de Bugallido en honra aos defuntos da parroquia. A partir das 13:00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño con cachelos e orella de porco cocida, todo isto adornado con viño do Ribeiro. De sobremesa haberá xeado e café. Porén, non todo é comida. A degustación estará amenizada pola banda de gaitas Alboroque.
Este domingo haberá divertimento para todos os grupos de idade. Os máis novos poderán gozar xogando os inchables mentres que os maiores poderán xogar, a partir das 18:00 horas, á chave no VIII Campionato de chave por parellas. A inscrición deberá realizarse antes das 17:00 horas do mesmo día. As tres primeiras parellas gañarán un trofeo que está doado polo Concello de Ames. Ademais, haberá diferentes xogos tradicionais (carreira de sacos, tiro da corda, etc).
A partir das 22:00 horas desenvolverase a actividade Cine na Carballeira coa proxección da película El Camino, un filme baseado no Camiño de Santiago de Compostela. Para rematar, o disco non deixará de dar voltas e as luces do espectáculo serán as protagonistas da última parte do día. Para rematar esta festa gastronómica haberá unha sesión de música disco.
Festas na parroquia de Ames
Ademais, o sábado 7 e o domingo 8 de xullo, os veciños e veciñas da parroquia de Ames celebran as as súas festas patronais na honra de San Tomé. Os actos festivos comezarán o sábado con pasarrúas a cargo dos membros da Asociación Cultural Os Castros. Os actos relixiosos comezarán ás 13:00 horas cunha misa. Tralos actos relixiosos haberá sesión vermú correrá a cargo da orquestra Alkar. Xa pola noite haberá verbena coas orquestras Panorama e Alkar.
O segundo día das festas será o domingo, 8 de xullo. Os actos relixiosos comezarán ás 13:00 horas cunha misa. Trala misa actuará a orquestra Triunfo que amenizará a sesión vermú. Xa pola noite a verbena estará amenizada por esta mesma orquestra. Ademais, pola tarde os nenos e nenas poderán divertirse xogando nos inchables.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La Festa do Chourizo ao viño de Ortoño vendió 250 raciones y mantuvo el tirón de público"
El Correo Gallego: "Esta fin de semana celébranse a VIII Festa do chourizo ao viño en Ortoño"
La Voz de Galicia: "Ortoño celebra la octava Festa do Chourizo"




