[16-03-2018] A Asociación de Festas do Milladoiro, coa que colaboran numerosos establecementos comerciais do núcleo urbano, organiza para esta fin de semana tres días de festa cos que celebrar a conmemoración do patrón da localidade, o San Xosé. A celebración estará marcada polas actuacións musicais e pola festa infantil programada para o sábado pola tarde. Os festexos realizaranse no aparcamento-explanada do Supercor, na rúa Agro do Medio, onde se instalará unha carpa.
As festas de San Xosé do Milladoiro comezarán este sábado co tradicional disparo de bombas de palenque ás 10:00 horas. Posteriormente, ás 19:00h, terá lugar unha festa infantil que estará amenizada polo Dúo Areal. As nenas e nenos participantes poderán tomar de balde un chocolate con churros, grazas á xentileza da churraría Jorge. Á mesma hora, ás 19:00h, terá lugar unha vixilia na nova igrexa do Milladoiro. A partir das 21:00 horas, o Dúa Arenal volverá ofrecer un espectáculo musical pola noite.
O domingo a festa continuará co disparo de bombas de palenque novamente ás 10:00 horas. Ás 12:30h desenvolverase unha misa solemne na nova igrexa da localidade. Despois, a partir das 14:00 horas, a festa proseguirá coa sesión vermú, na que as persoas asistentes poderán gozar da música do Dúo Rosan. Pola noite, desde as 20:30 horas, haberá verbena da man deste dúo.
O último día de festa será o luns 19 de marzo, que comezará co disparo de bombas de palenque anunciando o día grande das festas. Após a realización ás 19:30 horas dunha misa solemne, as celebracións rematarán coa verbena da noite, que correrá a cargo da orquestra máis agresiva de Galicia, a orquestra Cinema. No descanso da verbena, que dará comezo ás 20:30 horas, haberá unha degustación gratuíta de bolos preñados. A degustación, que se desenvolverá ás 22:30h, correrá a cargo da comisión de festas.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Aniversario de la iglesia de O Milladoiro y fiestas locales"
Compostela 24 horas: "Milladoiro celebra las fiestas de San Xosé"
La Voz de Galicia: "Milladoiro celebra este fin de semana las fiestas de san Xosé"
Ames Go: "Esta fin de semana celébranse as festas de San Xosé do Milladoiro"




